Tres alumnas do CPI de Cova Terreña foron galardoadas no XXVIII Certame de Poesía Francisco Añón. Carmen Elena Alves Fernández e Daniela Molas Martínez gañaron o 1º premio (compartido) na categoría C (nenas e nenos de 10 a 11 anos) e Laura Amorín Rodríguez, gañou o accésit na categoría D (rapazas e rapaces de 12 a 14 anos). As tres alumnas que cursan sexto de educación primaria no CPI de Cova Terreña, acompañadas polas súas familias, titoras e amizades, participaron no acto conmemorativo do Día das Letras Galegas no Concello de Outes.
Anxo Núñez, concelleiro de Cultura, inaugurou o evento cunhas palabras sobre a poetisa e música homenaxeada das Letras Galegas 2024, Luísa Villalta, sexta muller á que se lle concede tal galardón. No seu discurso destacou tamén a relevancia que tivo o periodista e poeta outense Francisco Añón Paz, ao que se lle dedica este certame dende hai vinte e oito anos, como precursor do Rexurdimento galego.
A poeta Miriam Ferradáns foi a encargada de facer pública a decisión do xurado e de dar lectura á acta que recolle as valoracións sobre os poemas premiados. Sobre o poema de Carmen, titulado “A nosa Terra”, o xurado quixo destacar os peches de verso ben traballados e a musicalidade que traspasa o poema, nutríndose moi ben da tradición. Do poema “A expresión”, de Daniela, destacaron a innovación formal pola exploración temática a través do eu, indagando na súa capacidade comunicativa. Sobre o poema de Laura titulado “Non sei”, o xurado resaltou a musicalidade coa que impregnou a composición e o bo tratamento que lle dá á repetición, unha anáfora ben sostida que se vai enriquecendo e que a autora remata cunha especie de reivindicación persoal.
A nota musical estivo a cargo do dúo Dara e Manuel, que interpretaron melodías galegas e portuguesas. Finalizado o evento, houbo un convite coma agasallo aos asistentes, no que se desfrutou dun fermoso momento de convivencia. O vindeiro ano, o 17 de maio de 2025, durante a celebración do XXIX Certame Francisco Añón de Poesía, farase entrega dos libros correspondentes a esta edición, que acollerán os poemas gañadores. Tanto as alumnas premiadas coma a súas familias e as súas actuais titoras Verónica Ojea e Mercedes Coto, están convidadas a asistir.



