Sin categoría

Tomás Miralles logra a primeira xeral da tempada para o Vigo-Rías Baixas

Tomás Miralles reconquistou este domingo a Challenge Alacante Interior. Gañador desta proba en 2022, o corredor do Vigo-Rías Baixas reeditou éxito dous anos despois tras vestirse de líder na primeira xornada e manter a camisola azul ata o final. O triunfo certificado na chegada a Alcoi supón o primeiro da tempada nunha clasificación xeral para a estrutura que preside José Luis Chamorro.

O todoterreo alacantino volveu ser profeta na súa terra grazas ao seu portentoso golpe de pedal e ao excelente traballo dos seus compañeiros. Na terceira e última xornada, de 110 quilómetros e con catro portos de montaña, o bloque dirixido por Paula Sanmartín volveuno a bordar. Soubo xestionar a composición e a diferenza da escapada do día, ao mesmo tempo que levou polo aire ao líder ata a subida non puntuable onde estaba situada a meta.

“Envorcáronse comigo ao 100% de inicio a fin. Non tiven que facer nada, simplemente seguir a súa roda”, asegurou Miralles, de 25 anos, vencedor da primeira xornada en Castalla e segundo o sábado no Alto do Reconco. O ciclista elite do conxunto flúor presentábase no último dos tres días de competición con 7 segundos de vantaxe e xunto aos seus compañeiros selou a vitoria na Challenge sen excesivos sobresaltos: “Marcaron moi ben o ritmo, controlado a escapada e o corredor que quedou na cabeza non era perigoso para a xeral”.

Ao impecable labor realizado por Iván Díaz, Eusebio Pascual, Álvaro García, Sergio Quevedo, Cristino Lanchas e David Ordiz púxolle a guinda Miralles facendo quinto no final en costa en Alcoi, a 1 minuto e 5 segundos do gañador da etapa e co mesmo tempo que o segundo clasificado. Desta maneira, ademais de apuntarse a xeral tamén se adxudicou a camisola laranxa da regularidade. “O percorrido foi duro, moi bo para a afección e para que os corredores ofrecésemos espectáculo”, valorou o gran triunfador da Challenge.

Mercé ao botín obtido en Alacante, o Vigo-Rías Baixas sitúase con tres vitorias esta campaña no calendario da Real Federación Española de Ciclismo. As seguintes citas da escuadra flúor chegarán esta semana. A partir do xoves disputa a Volta a Navarra e a Volta a Portugal do Futuro.