Todo por decidir na xornada final do Trofeo Conde de Gondomar

O Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell chegará ao seu final este domingo con todo por decidir na auga. A competición que organiza o Monte Real Club de Yates, na que compiten preto de 40 barcos, celebrou este sábado a súa segunda xornada cun costeiro de preto de 30 millas no que o Vértigo Sailing de Alfonso Crespo acabou vencendo na clase ORC.

Ás doce da mañá, cun vento duns oito nós do suroeste, o Comité de Regatas daba a saída fronte ás inmediacións do Monte Real para o primeiro grupo formado pola frota de ORC e os Fígaro, mentres que os monotipos J80 escoitaban o bocinazo dez minutos máis tarde. Por diante, un percorrido que levaría á frota cara ao Camouco, no arquipélago de Ons, pasando previamente pola baliza de Carallones, La Negra e Cíes para poñer rumbo de volta cara á liña de chegada, situada fronte á praia de Rodas.

Foi unha longa e intensa regata costeira que estivo dominada inicialmente por dous Dufour 34, La Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo de Miño) e o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo), pero na que aos poucos e cun vento que foi rolando máis cara ao sur, con varias encalmadas por medio e unha longa cinguida de volta cara a Cíes, foi finalmente o Vértigo Sailing de Alfonso Crespo (Vértigo Sailing Club) o que logrou a vitoria tanto en tempo real como en compensado na división de ORC. Por detrás dos de Crespo, o segundo clasificado foi o Nahela de Víctor Álvarez (CN Alagua) e terceiro finalmente o Deep Blue 2.1.

En Open, o Albarellos de Fernando Rey (MRCYB) impúxose coa compensación de tempos para converterse en líder da súa categoría. Seguíronlle na segunda e terceira posición o Ladeira de Elena Raga e o Silleiro de Paula Rey respectivamente. Ambos os dous equipos tamén representando ao Monte Real.

En canto á frota de J80, na que compiten un total de quince equipos, a etapa estivo máis que rifada con vitoria final para o Ifaclinic de Joao Allen, que conta co campión de Portugal de Snipe a bordo, Miguel Leite, e que foi tamén segundo en tempo real por detrás do Vértigo Sailing despois de protagonizar un gran final de etapa logrando unha cómoda vantaxe sobre o segundo clasificado, o Cansino de Nano Yáñez e Ignacio Sánchez Otaegui, que conta nesta ocasión coa viguesa Alejandra Suárez á cana. O terceiro posto foi a parar a mans do Luna Nueva de Juan Luis Tuero.

E por último entre os Fígaros, que puntúan tamén en Open, o primeiro clasificado foi o Ladeira por diante do Silleiro, que foi segundo.

Mentres, a frota que se disputou a regata longa do Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell gozou da súa xornada de descanso despois dunha subida ao Carrumeiro Chico que non finalizou ata ben entrada a madrugada e na que finalmente se impuxo o Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal.

O barco representante do RCN Vigo empregou 13 horas e 16 minutos en cubrir as 94 millas de percorrido de ida e volta entre Baiona e a rocha de Corcubión. Entrou ás 00:16:20, apenas 6 segundos antes que o Solventis de Alberto Mouro (00:16:26), que fora primeiro en alcanzar o Carrumeiro na subida; e 21 minutos despois do Magical de Julio Rodríguez, que foi o primeiro en cruzar a liña de chegada ás 23:55:01, e converteuse en gañador da etapa en tempo real.

A vitoria do Aceites Abril na emblemática etapa longa sitúa ao equipo dos Pérez Canal máis preto de facerse co seu quinto título, aínda que todo dependerá do que suceda nos dous barlosotas programados para a xornada final. Con estes resultados, todo decidirase mañá na terceira e última xornada de regata con dúas probas barlovento-sotavento programadas a partir do mediodía.

Unha vez finalizada a competición, o Monte Real Club de Yates acollerá a entrega de trofeos desta cuadraxésimo sexta edición do trofeo para coroar aos vencedores de cada unha das categorías. Ao acto asistirán o presidente do club, José Luis Álvarez; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o Director Rexional de Galicia sur de Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño; e o Director de Marketing de Zelnova Zeltia, Adrián Salgado.