O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), organiza o “Campamento de Verán 2024” do mes de xullo co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar. O prazo de solicitude abrirá do 2 ao 10 de maio e, por primeira vez, o Concello ofrecerá outro campamento no mes de agosto para o cal se abrirá posteriormente un novo prazo de solicitude.
O campamento de xullo está destinado a nenos e nenas empadroados no municipio e nados entre 2012 e 2021 e terá lugar do 25 de xuño ao 31 de xullo de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas (con posibilidade de amplialo de 7:45 a 15:15 horas). Desenvolverase no CEIP Humberto Juanes e o prezo é de 75 euros en horario reducido e 85 euros en horario ampliado (existen bonificacións para familias con baixos recursos económicos cun prezo de 18,75 € no horario reducido e 21,25 € no horario ampliado).
Os formularios de inscrición poderán recollerse na Oficina de Información e Atención Cidadá ou descargarse na páxina web http://www.nigran.sedelectronica.gal. Para máis información as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres na antiga estación do tranvía de Panxón, Estrada pola Vía, nº65, Panxón, Nigrán. Tlf: 986 383081, correo electrónico: cim@nigran.org.

