Baiona estuda instalar un sistema de videovixilancia ante o roubo de contedores marróns

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, iniciou a recollida comercial de biorresiduos. Este esforzo representa un paso significativo cara á promoción de prácticas sostibles e a redución do impacto ambiental na nosa comunidade e cumprir as obrigacións que a Lei 7/2022 de residuos e chans contaminados para unha economía circular, que obriga aos comercios e industrias a separar en orixe os biorresiduos, sen que se produza a mestura con outros residuos. Baiona é un dos poucos concellos da provincia de Pontevedra que iniciou esta recollida de biorresiduos. Desde hai unhas semanas os comercios baioneses son parte activa na xestión responsable dos biorresiduos, contribuíndo así á preservación do medio ambiente e o fomento dunha localidade máis limpa e saudable para todos os seus habitantes.

O programa de recollida comercial de biorresiduos implementouse cun enfoque integral, que inclúe actividades de información e asesoramento para os establecementos participantes levadas a cabo polo Servizo de vixilancia, inspección e control de residuos da Deputación de Pontevedra (SEVIC). Nas últimas semanas viñéronse producindo roubos de contedores marróns de biorresiduos no municipio. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinala que “algúns dos contedores marróns que se situaron nas zonas próximas aos grandes produtores da hostalería co obxectivo de reciclar a materia orgánica dos establecementos desapareceron. Non entendemos este tipo de accións de persoas incívicas que non pensan nos veciños e que son os principais prexudicados por estes actos que desde o Concello denunciamos. Esta é unha actitude incomprensible que nos vai a obrigar a tomar certas medidas de vixilancia policial e videovixilancia desde o departamento de Medio Ambiente. Estamos a estudar poñer vixilancia nos lugares onde se sitúan estes contedores e tamén contemplamos empezar a sancionar por este tipo de accións”.

Os técnicos da Deputación de Pontevedra visitaron hai uns días os establecementos comerciais e servizos do Concello de Baiona, proporcionándolles orientación detallada sobre as mellores prácticas para a separación e o manexo axeitado dos biorresiduos, así como a entrega de materiais educativos pertinentes. Para lograr os obxectivos establecidos pola Unión Europea, é imprescindible a plena implicación dos comercios e servizos cumprindo a obrigación de separar as diferentes categorías de residuos en orixe e depositalos nos contedores axeitados dispostos a tal fin nos municipios. Alentouse a cada establecemento para comprometerse activamente co programa, adoptando medidas concretas para minimizar a súa pegada ambiental e promover prácticas de xestión de residuos máis sostibles.

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, recoñece a importancia desta iniciativa e agradece a colaboración de todos os comercios participantes. “Xuntos, podemos marcar a diferenza e construír un futuro máis verde e próspero para a nosa comunidade”.