O Concello de Nigrán continúa este sábado 20 de abril o seu segundo ciclo “Primavera de Jazz” co guitarrista David Regueiro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal (entrada de balde ata completar aforo). Esta edición, que consta de tres concertos e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan +Provincia, foi inaugurada polo prestixioso pianista Abe Rábado en marzo e finaliza o sábado 1 de xuño co saxofonista Diego Alonso. Todos estes concertos gratuítos nacen co obxectivo de atraer a Nigrán os mellores músicos de jazz galegos fóra da tempada estival, cando o Concello ofrece o Nigranjazz (o festival máis lonxevo de toda a comarca dentro deste xénero musical e que cada ano celebra en xullo no esteiro de A Foz mesturando os mellores músicos internacionais cos máis destacados do noroeste peninsular).
David Regueiro (como guitarrista solista) estará nesta ocasión en formato de trío acompañado de Thomas Kretzaschmar, violinista internacional de primeiro nivel que ten tocado cos mellores guitarristas do mundo (Stochelo Rosenberg, Bireli Lagrène, Angelo…), Gonçalo Mendonça á guitarra rítmica e Juyma Estévez ao contrabaixo.
Con máis de 15 discos editados, con centos de actuacións por diferentes países e co aplauso unánime de prensa e público, David Regueiro consolidouse coma un dos guitarristas de gypsy jazz máis prominentes do Estado. David Regueiro Trio presentou en 2020 “Areal”, un álbum conformado por nove composicións propias situado no jazz manouche, a corrente estética creada por Django Reinhardt, sen deixar de lado outras das súas influencias: o swing americano e o be-bop. O trío aporta unha visión rigorosa e respectuosa coa tradición ao tempo que fresca e innovadora. No 2023 presenta “Perfect Match”, o seu novo disco integrado por composicións e arranxos orixinais, co seu trío e con Alexandre Cavalieri, o violinista de referencia neste estilo a nivel internacional. Este traballo mostra a madurez compositiva de Regueiro, desenvolvendo una voz propia e marcadamente orixinal dentro do jazz manouche. “Perfect Match” valeulle ser o gañador do Premio Martin Códax da Música 2023 na Categoría Jazz e Músicas Improvisadas.

