Sin categoría

“SenSea”, turismo mariñeiro ao alcance de todos os públicos en Baiona

Este venres día 2 de agosto, na vila de Baiona, dentro da programación das Festas da Virxe da Anunciada, realizarase o segundo evento piloto de presentación de novos produtos e itinerarios do “PROXECTO ECODESTIN_3IN” de turismo mariñeiro inclusivo (SenSea).

Estarán presentes Rosa Quintana, conselleira do Mar, Susana Rodríguez, Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Carlos Gómez, Alcalde de Baiona, José Manuel Fernández, vicepresidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+), e Pablo Mariño, xerente de Bluscus Turismo Mariñeiro. Este proxecto, chamado SenSea, está promovido pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e AGAN+ (Asociación Gallega de Actividades Náuticas y la Agencia Global de Acreditación Náutica) como socio do programa europeo EcoDestin_3IN.

SenSea nace a partir de “Sentir o Mar”, que foi o resultado do traballo realizado por un equipo de profesionais, liderado por Rocío Gómez-Juncal, dentro do ámbito educativo, social e turístico para demostrar que, máis alá da vista, existen un milleiro de formas de experimentar, vivir e transmitir o mar; para documentar e propiciar que persoas con diferentes discapacidades se acheguen, gocen e sintan o mar tendo a oportunidade de formar parte del a través de experiencias turísticas relacionadas coa cultura mariñeira.

Participarán no evento persoas con discapacidade, e tamén familiares e/ou coidadores que se integran en diferentes entidades como é a Asociación Adapta (Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta) con sede social no Concello de Ponteareas e que dende o ano 2003 leva traballado en diferentes eidos para conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade.

Tamén participarán da ONCE 20 estudantes máis avanzados dos cursos nacionais de inglés que dende fai 19 anos se celebran anualmente en Pontevedra. Está composto por 20 estudantes de España (15) e Italia (5).

As actividades que se propoñen neste evento están relacionadas co turismo mariñeiro dun xeito inclusivo:

• Visita á confraría de pescadores. Visita á lonxa.
• Ruta percebeira na Praia da Concheira.
• Visita a un barco tradicional de baixura e explicación das artes de pesca.
• Navegación inclusiva a vela no Monte Real Club de Yates.

Haberá un petisco final que favorecerá a convivencia entre os/as asistentes na Estación Marítima de Baiona.

img1