A edición anual do Medio Maratón Vig-Bay celebrada o pasado día 14 de abril de 2024 foi un rotundo éxito, destacando a colaboración da Unidade Fénix, especialistas no Control de Drons e demais aeronaves pertencentes á Policía Local de Vigo. Este ano os axentes utilizaron por primeira vez a innovadora aplicación tecnolóxica ACRE, desenvolta pola empresa viguesa VIG-SEC DRONE, pioneira en España na coordinación de diversos medios aéreos para eventos deportivos e culturais de gran envergadura, como neste caso, no cal un total de 4100 corredores tomaron a saída desde a cidade de Vigo, mentres que outros 900 deportistas uníronse ao evento desde a veciña localidade de Nigrán, consolidando así o Medio Maratón de Vigo-Baiona como un dos eventos deportivos de maior transcendencia da Comunidade.
A aplicación ACRE permitiu a coordinación dos diferentes medios aéreos con imaxes en tempo real que puideron visualizar os diversos corpos policiais e de emerxencias encargados da seguridade da carreira. Esta colaboración permitiu garantir unha óptima e eficiente seguridade do evento, coordinándose en todo momento cos medios terrestres que formaban parte do dispositivo, todo iso dirixido desde o posto de mando avanzado instalado en Baiona pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA). Este dispositivo de seguridade contou ademais con Policía Nacional, Garda Civil, Policía Local de Nigrán e Baiona.
A unidade de Drons de Policía Local de Vigo puido reforzar a vixilancia utilizando drons de última xeración na vangarda dos corpos de seguridade de Galicia, sendo os ollos dos compañeiros desde o aire, trasladando a información en tempo real de calquera tipo de incidencia, garantindo así unha rápida e eficaz intervención.




