Sin categoría

Gondomar inicia os traballos para a actualización do inventario municipal de vías e camiños

O Concello de Gondomar, a través dun contrato asinado cunha empresa especializada, comezou xa os traballos necesarios para a actualización do inventario municipal de vías e camiños, que foi actualizado por última vez no ano 2006 e que está sustentado nunha cartografía que data do ano 1996.

Actualmente a empresa adxudicataria dos traballos está a recoller datos nas dependencias municipais sobre o inventario vixente, acordos plenarios referentes a vías municipais ou calquera modificación que se producise despois da última actualización.

Nos próximos días comezará o traballo de campo, no que técnicos da empresa percorrerán todos os camiños que constan como municipais, tomando os datos necesarios para a súa incorporación ao inventario actualizado, incluíndo fotografías, identificación real do trazado ou tipo de rodadura existente.

Con todos estes datos se procederá por tanto á actualización tanto da cartografía municipal como a de camiños que se pasarán a formato Shape para poder incorporalo nun GIS (Sistema de Información Xeográfico) compatible co que xa existe no Concello e que estea interconectado co programa informático do inventario.

Deste xeito o inventario municipal quedará totalmente dixitalizado, xa que actualmente está sustentado en formato papel, quedando xeoreferenciado nun sistema de información que será totalmente accesible tanto para os técnicos municipais como para calquera veciño que precise facer unha consulta sobre a titularidade dun camiño ou dos seus lindes.

O alcalde Paco Ferreira destacou que “estes traballos, que terán unha duración de 6 meses, nos permitirá a identificación exacta de calquera vía ou camiño que sexa de titularidade municipal, coñecer de forma concreta o estado de cada un deles, así como proporcionar unha ferramenta informática para que calquera cidadán poida acceder a esta información de forma rápida e sinxela”.

O rexedor local destacou o “gran esforzo que levamos anos facendo para a modernización da nosa administración, coa implantación dun programa de xestión municipal, ou a modernización da sede electrónica e da páxina web, o que permite unha maior accesibilidade e proximidade da administración á cidadanía”.