Anuncios
Ticker de novas

O baionés Brais Gómez, segundo no Circuíto Festas de Lousada en Portugal

FOTO: CLUB CICLISTA PONTEAREAS // Brais Gómez no podio xunto con Diogo Narciso e Manuel Barbosa.

O ciclista do Club Ciclista Ponteareas, Brais Gómez Cima, acadou este luns no Circuíto Festas de Lousada en Portugal, un máis que meritorio segundo posto nesta tradicional cita do calendario luso que se disputou nun circuíto de tres quilómetros, a metade sobre lastra, ao que os corredores tiveron que dar un total de quince voltas. O corredor baionés enrolado nas filas do club ponteareán, estivo acompañado no podio polo vencedor da proba, Diogo Narciso, e por Manuel Barbosa, que logrou a terceira praza.

O circuíto sobre o que se disputou a proba presentaba un trazado con dúas subidas e tramos de baixada moi técnicos. Ata a metade da proba o pelotón rodou compacto ata o momento en que o baionés comezou unha fuga rodando en solitario seis quilómetros ata que foi alcanzado, na zona de lastras, por Diogo Narciso, que conseguiu entrar en primeira posición. Brais conseguiría unha magnífica segunda posición a 40 segundos de Narciso e a 47 de Barbosa, que entrou terceiro.

O vindeiro sábado, o baionés do Club Ciclista Ponteareas, disputará o XVIII Gran Premio Concello de Cambre Escolas, cadete e xuvenís, clasificatoria para a autonómica.

Anuncios