O Auditorio Lois Tobío acolleu este sábado o acto de entrega do XV Premio de Poesía Vicoriano Taibo, convocado polo Concello de Gondomar, a editorial Galaxia e o Instituto de Estudos Miñoráns. Este ano a obra gañadora foi o poemario de Masha Álvarez “Dakota”, unha viaxe entre Galicia e os EEUUA chea de recendos a recunchos afastados no espazo, mais próximos no emocional e sensitivo, dende unha ollada dunha observadora atenta ás pequenas, ou grandes, amósegas na pel e alma. Contemporánea e vital poesía que agranda a valía deste premio que nos trae cada ano un agasallo de sensacións e voces que nos acompañarán moito tempo.
Participaron no acto, conducidos polos actores de Teatro do Ar dirixido por Pedro Rodríguez, Marcos Calveiro, representante da Editorial Galaxia e membro do xurado; Miguel Anxo Mouriño, presidente do xurado dende a primeira edición en representación do IEM, que lembrou a historia deste premio con xa 18 poetas premiados, e a reivindicación dun día das letras galegas para Victoriano Taibo; Jesús Rodríguez, portavoz do xurado que leu a acta deste ano; Antonio Soliño, vicedirector do IEM, que agradeceu o traballo de entidades colaboradoras e persoas que participaron en todo o proceso desta convocatoria ata a hora deste acto de entrega; o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, en nome do Concello de Gondomar, que é quen financia e acolle este premio dende que a Entidade Local de Morgadáns renunciou ao mesmo, que agradeceu a presenza da familia Gloria Taibo e os seus fillos, netos do escritor, que un ano máis presidiron o acto. Entregouse a escultura, obra de Fino Lorenzo, á autora gañadora María Álvarez Martínez “Masha”, quen tomou a palabra para agradecer o galardón e rematou recitando un poema do libro.
Entre as intervencións sinaladas, houbo uns intres de humor da man dos actores de Teatro do Ar, a música de Lucía Doval e o recitado de poemas propios dos poetas participantes no obradoiro de poesía, que dende o mes de xaneiro impartiu Masha nos locais do IEM, e que xusto rematou a mañá deste sábado. Dous ilustradores fixeron en tempo real nunha pantalla unha ilustración alusiva ao acto. En nome do IEM agradecer á familia Taibo o seu acompañamento nesta nova edición do certame, ao Concello de Gondomar por todo o apoio para que este certame siga vivo e a todas as persoas que dun xeito ou doutro colaboraron, á editorial Galaxia pola edición e á autora pola súa simpatía e bo facer no obradoiro de poesía que impartiu.










