Este venres clausurouse en Baiona a terceira edición do Blue Atlantic Forum, un encontro no que, durante tres días, reflexionouse sobre os beneficios e desafíos da economía azul e a xeración de accións que contribúan a un futuro sostible para as comunidades costeiras e o medio ambiente mariño.
A xornada de hoxe centrouse nos Ecosistemas Azuis e o seu aproveitamento. Representantes de ASATA, ANMUPESCA, CEIMAR e da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, destacaron a importancia da cooperación, a interconexión e o traballo en rede como ferramentas para a revalorización do sector pesqueiro, o coidado dos océanos, a dinamización do turismo mariñeiro e a potenciación da igualdade de xénero na pesca. Neste sentido, avogaron pola implementación de novas estratexias que sirvan para dar difusión ás actividades que se realizan e para o intercambio de coñecemento.
Por outra banda, o presidente de Autoridade Portuaria de Vigo, o presidente da Cooperativa de Armadores (ARVI) e a directora do Centro Oceanográfico de Vigo, debateron sobre o cambio climático como factor a ter en conta para poñer en marcha actuacións vinculadas coa pesca e co mar. Tal e como explicaron, débese poñer o foco na investigación e na posta en marcha de solucións ecoeficientes que permitan protexer os ecosistemas mariños, reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e a dependencia de combustibles fósiles e adaptar as instalacións portuarias para que respecten a biodiversidade.
Así mesmo, tamén insistiron na importancia da divulgación e a formación para trasladar aos traballadores do sector e á sociedade en xeral a problemática existente coa posible caída da produción pesqueira se non se respecta o medio ambiente a nivel mundial.
O director do Museo da Pesca de Palamós e da Fundación Promediterranea, xunto ao director de Bluscus Galicia Marinera e ao presidente de Albaola, destacaron a cultura mariñeira e o patrimonio pesqueiro como elementos diferenciadores dos destinos costeiros, demandando que se xeren actividades que trasladen o valor da pesca e da xente do mar ao turismo e á sociedade en xeral. A xornada pechouse coa participación do responsable de Recolecta e da creadora da Ecocosmopolita, que debateron acerca da importancia da comunicación e o consumo responsables.
Blue Atlantic Forum, no que participaron máis de douscentos de expertos e profesionais de diferentes sectores vinculados co mar e a sustentabilidade, estivo organizado polo Concello de Baiona, co apoio da Autoridade Portuaria de Vigo, Abanca, e co financiamento de GALP Ría de Vigo A Guarda, a Xunta de Galicia e a Unión Europea. O evento foi clausurado por Joaquín López Goce, concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas, quen anunciou a celebración da cuarta edición do Blue Atlantic Forum en Baiona no ano 2025.



