Sin categoría

Somos Nigrán denuncia a “falta de compromiso” do Goberno Local coa Igualdade

A Plataforma Cidadá Somos Nigrán reprocha a falta de investimento público en políticas de Igualdade do Goberno Local, transformando á Concellería de Igualdade nun departamento de “pose” e baleiro de contidos.

Esta falta de responsabilidade queda patente coa non renovación do Plan de Igualdade desde hai 10 anos, a inexistencia dun Consello da Muller, a pesar de ser aprobada a súa creación o pasado mes de novembro en pleno, ou a falta de persoal técnico en materia de Igualdade e Violencia de Xénero que garanta a atención permanente ás mulleres do municipio.

“As queixas de usuarias do CIM repítense constantemente, tanto polo trato das persoas profesionais, como polo escaso horario de asesoría psicolóxica e xurídica, algo que se podería solucionar con máis investimento público e persoal formado en Igualdade que orientase ás profesionais nas intervencións coas usuarias” destacan desde Somos Nigrán.

“Outra das carencias que pon de manifesto o nulo compromiso do equipo de goberno, é a falta dun Protocolo Municipal de Protección e Reparación para as Vítimas de Violencia Machista existentes no noso municipio, ou a ausencia dun convenio coa Garda Civil para dar unha solución habitacional de primeira instancia para estas vítimas en casos de risco inminente, como existe no Concello de Gondomar”, engaden desde a Plataforma Cidadá.

Tamén cuestionan a subida salarial da Concelleira Delegada deste departamento, Patricia Diego, pasando de 18.000€ brutos/anuais a 24.000€ brutos/anuais por unha dedicación parcial, cando no pasado ano foi practicamente inexistente a dotación orzamentaria destinada a políticas de igualdade efectivas.

“Con diñeiro sobre a mesa é onde verdadeiramente vese quen aposta e non pola Igualdade, pero parece ser que o Goberno Local entende que a implicación coa loita pola igualdade baséase en aparecer na foto os días sinalados”, manifesta Lucía Chamorro, integrante de Somos Nigrán.