O Concello de Nigrán subvencionará o baleirado das fosas sépticas ou pozos negros da veciñanza que carece de saneamento. Así o aprobou o goberno local no pleno ordinario de onte tras presentar unha emenda a unha moción do PP que propuña que o propio Concello asumise este servizo. “Cremos que o lóxico e de verdade eficaz é subvencionar á pouca veciñanza que aínda non se pode conectar ao saneamento público e, ao mesmo tempo, completar a rede de saneamento, polo que o baleirado de pozos negros irá quedando reducido en pouco tempo á mínima expresión”, explica o alcalde, quen remarca neste sentido a nova liña de subvencións que tamén se creará este ano para a instalación de sistemas de bombeo de augas residuais nas vivendas que así o precisen para conectarse.
O Partido Popular de Nigrán presentou unha moción instando á actual corporación municipal a iniciar o proceso de implantación dun servizo de baleirado de pozos negros e fosas sépticas. Segundo os populares, actualmente, a rede do saneamento do Concello de Nigrán dá servizo aproximadamente a un 65% por cento das vivendas e empresas do municipio, polo que aínda unha gran parte da poboación atópase nunha situación de precariedade neste ámbito. Debido a isto, os veciños e veciñas afectados vense obrigados a empregar fosas sépticas ou pozos negros, os cales en numerosas ocasións presentan un mantemento deficiente, sendo comúns as verteduras e filtracións cara a cunetas, fontes ou ríos.
Desde o grupo municipal popular lembróuselle ao goberno municipal que as competencias en materia de saneamento son de titularidade exclusivamente municipal, polo que é unha obrigación dar algún tipo de solución aos veciños e veciñas que se atopan fóra da actual rede. En consecuencia, o Partido Popular de Nigrán presentou unha moción instando á corporación socialista a impulsar a conexión á rede de saneamento do 100% da poboación e, como medida transitoria ata a consecución da devandita meta, implantar un servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas.
As principais características do mesmo serían as seguintes: estaría dirixido a veciños e pequenas empresas non cubertos pola actual rede de saneamento; levaríase a cabo por persoal municipal e con medios propios dos que xa dispón o Concello (tractor, cisterna, etc); proporcionaría un correcto traslado e xestión dos residuos, beneficiando a protección do medio ambiente; a súa implantación contemplaría unha importante bonificación económica para os veciños, con exencións ou reducións de tarifas en fogares con dificultades económicas.
Unha vez debatida a moción, esta contou co apoio do BNG e co voto negativo do PSOE, que optou por emendar a proposta optando pola externalización do servizo, mediante a concesión de subvencións para contratar a empresas as cales se encarguen do baleirado das fosas e pozos. “Resulta incomprensible como desde a actual corporación rexeitan propostas que se demostraron exitosas, xa que este servizo leva tempo operativo en Concellos limítrofes como Tomiño”, sinalan desde o Partido Popular de Nigrán.
Desde o grupo municipal popular votouse negativamente ás emendas, “xa que estas supoñerían un deixamento manifesto por parte do Concello cara á realización dun servizo que, como se mencionou anteriormente, é competencia municipal”.

