A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia fixo pública este mércores a través da súa publicación no DOG a Declaración de Impacto Ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático relativa ao proxecto do parque eólico Torroña I, consistente na execución dun parque eólico de 22,8 MW de potencia total nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño, composto por 4 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada (vieiros de acceso e servizo, plataformas de montaxe, gabias do cableado e dúas torres meteorolóxicas, unha permanente e outra temporal).
O Instituto de Estudos do Territorio (IET) constata no seu informe “un forte impacto sobre as áreas de especial interese paisaxístico (AEIP) da Serra da Groba, Corroubelo e Chan da Valga, así como sobre os miradoiros e LEIP próximos, o Camiño de Santiago (Camiño Portugués da Costa) e as rutas de sendeirismo”. Con todo, conclúe que o emprazamento dos aeroxeradores de 230 metros de altura total nunha serra moi próxima ao litoral onde na actualidade non existe ningún parque eólico en funcionamento ou autorizado, “supoñería introducir uns elementos cuxo tamaño, deseño e cor contrastan frontalmente cos elementos conformadores que caracterizan a paisaxe de acollida, singularizada por escenas de alto valor paisaxístico”.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DXPN) destaca que “a escasos 630 metros das infraestruturas do parque eólico se localiza o espazo natural protexido Sobreiras do Faro, formación que ostenta a figura de espazo privado de interese natural (EPIN) e está incluída no Catálogo galego de árbores senlleiras, as canles fluviais coa indicación das instalacións máis próximas a estas e os cruzamentos, os hábitats naturais de interese comunitario e prioritarios presentes, as especies de flora e fauna incluídas no catálogo galego de especies ameazadas (CGEA)”. Ademais, fai unha serie de observacións sobre o EsIA respecto á hidroloxía, aos hábitats e á fauna, sendo as máis relevantes as que fan referencia á zona húmida Cruz de Pau.
No tocante a alegacións con contido ambiental, no expediente remitido polo órgano substantivo constan 1.895 alegacións presentadas por diversas asociacións, entidades locais, comunidades de montes, organizacións varias e particulares, que en sentido amplo versan sobre os valores naturais da Serra da Groba, o patrimonio cultural e Camiño de Santiago, a paisaxe, o patrimonio natural e a biodiversidade, a rede hidrolóxica e calidade das augas, o solo, cuestións de índole normativa, etc.
Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental e á vista do que se desprende dos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e do Instituto de Estudos do Territorio sobre as repercusións negativas sobre o patrimonio arqueolóxico e a paisaxe, considérase que a actuación proxectada non é ambientalmente viable, polo que se propón formular a declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto. A declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte o acto de resolución substantiva do procedemento.

