Os Arroases do Val Miñor despiden o ano cunha travesía a nado en Panxón

Os Arroases do Val Miñor despediron este sábado o ano deportivo coa súa segunda xuntanza, que se celebrou en Panxón, con saída dende o peirao do porto pesqueiro. Nesta edición contaron coa colaboración do Club Marítimo de Panxón, que achegou embarcacións lixeiras de apoio e puxo ao dispor a súa instalación de “El Marítimo” para brindar polo novo ano e tomar os petiscos.

A ruta foi duns 1.500 metros en total, saíndo de Panxón e costeando cara o centro de Praia América, para rematar outra vez no punto de saída. Para que todos mantiveran un ritmo mínimo de nado que evitara que lles collera o frío -estes días a auga anda polos 12 ou 13 graos- repartíronse en tres grupos de velocidade atendendo ao ritmo cada 100 metros: Primeiro (2’ a 2’30’’), Segundo (1’50’’ a 2’) e Terceiro (1’40’’ a 1’50’’).

Por suposto, esta non é unha proba en absoluto competitiva e estes ritmos aproximados teñen como obxectivo poder ir en grupos cohesionados para pasar un rato festivo en irmandade natatoria. Levaron un guía por grupo en kaiak ou pádel que deberon respectar.

Ademais, tratouse dunha nadada solidaria, xa que participantes achegaron alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene para entregar ao Panxón Nigrán FS, que posteriormente serán repartidos polos Servizos Sociais do Concello de Nigrán, e a Cáritas San Juan Bautista de Panxón.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.