O equipo EBIO da Garda Civil de Ponteareas investiga a un home como suposto autor de 23 delitos de roubo con forza cometidos en repetidores de telefonía e 13 delitos de furto en liñas de cableado telefónico. Os mesmos cometéronse nas localidades de Ponteareas, Arbo, Crecente, Salvaterra do Miño, Mos, Gondomar, Vigo, Nigrán, Ponte Caldelas, As Neves, Fornelos de Montes e Pazos de Borbén.
Os feitos ocorren entre setembro e novembro do ano 2023. A primeira denuncia recíbese o 26 de setembro, por parte dunha empresa dedicada ao establecemento, explotación, mantemento e xestión de infraestruturas pasivas de telecomunicacións móbiles, na cal sufriron un roubo de cable. O 13 de outubro a patrulla de servizo de Ponteareas é alertada doutro roubo nas instalacións das antenas de telefonía móbil na localidade.
Iníciase unha investigación denominada WIFI.TUI para esclarecer os feitos denunciados. Durante este período de tempo vaise tendo coñecemento de varios feitos delituosos similares en distintas instalacións de telecomunicacións así como en distintas localidades da provincia.
Despois de múltiples xestións identifícase ao que resulta ser o presunto autor dos roubos e furtos, un veciño de Ponteareas de 57 anos, con multitude de antecedentes policiais por feitos similares. O pasado 5 de febreiro tómaselle declaración en calidade de investigado. As dilixencias entréganse no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución DOUS de Ponteareas.

