Sin categoría

A programación “Baiona Lila 8M” propón un mes de actividades para sensibilizar e educar en igualdade

Con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade, presenta a programación “Baiona Lila 8M”, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar en igualdade. O propio venres 8 de marzo darase inicio á programación coa presentación da campaña “8M, a Igualdade é a razón” ás 12:30 horas no CPI de Cova Terreña.

Ese mesma fin de semana o Multiusos de Sabarís acollerá o sábado día 9 de marzo ás 20:00 horas un conto para persoas adultas a partir de 20 anos a cargo de Paula Carballeira, titulado “Mulleres que viven soas”. O domingo día 10 de marzo ás 12:30 horas haberá unha actividade orientada ao público familiar para nenos e nenas a partir de 5 anos. Raquel Queizás será a encargada de realizar “Na túa man”, contos pola igualdade.

O luns 11 de marzo Bea Campos levará “Os Contos de Violeta” ás 11:00 horas á GalEscola de Baiona e ás 13:00 horas á EEI O Areal de Sabarís. “Maxia, a igualdade non ten truco” é a proposta que se vai a levar aos centros educativos de Baiona para sensibilizar e educar en igualdade. O mércores 13 de marzo ás 10:00 e ás 12:30 horas ao CEP de Sabarís e o CEIP de Belesar. O venres 15 ás 08:50 e ás 10:00 horas será a quenda do CPI de Cova Terreña. Ás 12:50 horas a actividade terá lugar no CEIP de Fontes-Baíña.

A exposición da campaña 8M “A igualdade é a razón” tamén circulará polos colexios de Baiona. Do 11 ao 15 de marzo no CEIP de Fontes-Baíña; do 18 ao 23 de marzo ao CEP de Sabarís; do 2 ao 5 de abril ao CEIP de Belesar e do 8 ao 12 de abril ao CPI de Cova Terreña.

“Baiona Lila 8M” tamén irá ás parroquias de Baiona con obradoiros “Construíndo igualdade”. Esta actividade dirixida a nenos e nenas de 10 a 12 anos terá lugar no Centro Cultural de Baíña o sábado 16 de marzo ás 17:00 horas. O domingo 17 de marzo ás 12:30 horas ao Centro Cultural de Belesar para público infantil de 7 a 9 anos. A seguinte fin de semana, o sábado 23 de marzo, será ás 17:00 horas no Centro Cultural de Baredo para nenos e nenas de 5 a 6 anos. Para participar nestes obradoiros é necesaria a inscrición previa chamado ao 986357552.

“Baiona Lila 8M, a Igualdade é a razón” pecharase cunha actividade en Chan da Lagoa, “Orientaventura pola Igualdade”, o domingo 24 de marzo ás 11:00 horas.