Mes das Letras no IES Terra de Turonio de Gondomar

O instituto Terra de Turonio vén de programar un ciclo de actividades arredor da celebración das Letras Galegas. Tendo en conta a situación sanitaria, as actividades desenvolveranse no propio centro e de forma telemática.

O mércores 12 abrirá a programación o espectáculo PUNKDEMIA do clown Peter Punk, unha sesión de teatro, circo e malabares para reflexionar sobre a situación actual e tamén para achegar unha visión crítica ao actual estado da lingua galega amenizado de humor. A actuación será ao aire libre para todo o alumnado e profesorado e está cofinanciada pola ANPA Miñor.

No mesmo mércores realizarase unha conexión telemática en tempo real coa TVG para asistir á unha sesión da xornalista e presentadora Esther Estévez, do programa Dígocho eu, que con miles de seguidores en redes sociais e en Youtube é todo un exemplo de dignificación da lingua e de motivación para a xuventude.

Na semana das letras, o venres 21, o músico e ex alumno do centro, Xurxo Antúnez, impartirá un obradoiro de música galega e canto tradicional. Xurxo foi un dos recuperadores do grupo Os Terribles de Donas e actualmente desenvolve unha intensa actividade por toda a comarca con obradoiros de música galega e co seu grupo Tradisón.

O instituto Terra de Turonio de Gondomar e o instituto Escolas Proval de Nigrán convocan conxuntamente o II Certame de poesía “Beatriz da Serra” en homenaxe á muller de Baiona que no século XVII escribía cartas en galego co Conde de Gondomar. Este certame está aberto á participación do alumnado de primaria e secundaria.

E na última semana de maio, desde Radio Turonio farase o programa especial “Con Xela nas ondas!“ sobre a poesía de Xela Arias e a súa biografía. Este programa será divulgado en redes sociais e desde a web do centro.

Ao mesmo tempo, estase a desenvolver o proxecto CABAL, unha actividade realizada coa Facultade de Tradución da Universidade de Vigo para iniciar ao alumnado na práctica da tradución. Neste curso, a figura de Xela Arias, destacada tradutora de obras á lingua galega, ten todo o protagonismo. O alumnado de 3º e 4º da ESO, titorizado por profesores e alumnos da Facultade están a traducir poemas de Xela Arias ao castelán.

Durante todo o mes realizarase a actividade, OS LUNS EN GALEGO, dirixida a toda a comunidade educativa. Trátase dunha actividade de normalización lingüística que, tomando como compromiso de partida o uso da lingua neste día da semana, busca reverter os negativos datos do uso da nosa lingua na mocidade.