O Concello de Gondomar inicia unha campaña informativa do seu Plan de Igualdade Municipal para os próximos catro anos. No pleno ordinario do pasado mes de decembro, o Concello de Gondomar aprobou o seu quinto “Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes” que se desenvolverá durante os próximos catro anos. O plan está organizado en 4 áreas de intervención:
– Transversalidade de xénero na acción municipal. Ten como obxectivo o principio de igualdade de oportunidades de mulleres e homes na administración local, a través de diferentes accións como a introdución de linguaxe non sexista en todas as comunicacións do concello, a creación dunha caixa de suxestións na web municipal ou emprego das redes de difusión do concello para a promoción deste plan, así como unha maior dotación de recursos para o departamento de igualdade.
– Sensibilización e concienciación en igualdade. O obxectivo nesta área é concienciar á poboación sobre a necesidade de implantar unha educación en igualdade que promova un cambio de valores e fomente a eliminación de roles sexistas así como impulsar o proceso de empoderamento e participación social das mulleres da localidade coa realización de actividades que visibilicen as súas achegas e contribucións nos diferentes ámbitos.
– Prevención das violencias machistas. Fomentar a eliminación das violencias machistas entre a poboación de Gondomar e amosar o seu rexeitamento social. Para acadar este obxectivo son varias accións as que se levarán entre as que podemos destacar por un lado garantir unha atención integral ás mulleres vítimas e ás súas fillas e fillos a través do CIM (Centro de Información á Muller), e por outro lado o desenvolvemento de actividades que potencien as habilidades sociais, a resolución de conflitos e as habilidades de comunicación como ferramenta de prevención. En resumo atención ás vítimas e educación en igualdade.
– Formación, emprego e conciliación. Nesta última área o obxectivo principal é promover a igualdade de oportunidades na formación para o emprego e para o fomento da conciliación da vida laboral e familiar das mulleres e homes de Gondomar.
O alcalde Paco Ferreira destacou que “Gondomar é un referente en Galicia e España en políticas de Igualdade, mobilizando unha cantidade moi importante de recursos en dúas vías fundamentais, a atención ás vítimas así como a educación e sensibilización”.
Este plan así como un folleto informativo atópase xa dispoñible para a súa descarga na páxina web municipal.

