Más de 250 persoas entre deportistas, autoridades, colaboradores e representantes das entidades náuticas de Galicia reuníronse este venres en Baiona para unha das citas máis esperadas do ano: a Gala da Vela Galega. É a sexta edición dun acto anual no que a Real Federación da Vela Galega (RFGV) premia aos mellores regatistas, eventos, xuíces, técnicos e clubs da Comunidade polos méritos obtidos durante a pasada tempada.
Co patrocinio do Concello de Baiona, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, o Auditorio V Centenario foi a sede este ano dunha gala chea de homenaxes na que estiveron presentes Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona; Manuel Villaverde, presidente da RFGV; José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte e Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, entre outros membros da corporación municipal de Baiona e representantes de clubs náuticos, institucións civís e militares, empresas e estamentos vinculados ao deporte da vela.
Durante o seu discurso de apertura, Manuel Villaverde afirmou que “Entramos nun ano no que Galicia, unha vez máis, terá representación en París, con Támara Echegoyen afrontando os seus cuartos Xogos. Cun Centro Galego de Vela en Vilagarcía, convenios con Centros como o de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e cunha excelente organización loxística e operativa, a vela galega goza dunha boa saúde e de proxecto consolidado de futuro grazas, tamén, á enorme complicidade cos clubs e entidades náuticas, verdadeiros promotores do noso deporte e da Federación, como organismo institucional”.
A campioa olímpica en Londres 2012 e que representará a España na próxima cita olímpica en 49er FX, Támara Echegoyen, levou un dos grandes premios da gala, o de mellor regatista olímpica. Os seus compromisos deportivos impedíronlle estar presente para recoller persoalmente o galardón, pero si enviou un vídeo de agradecemento do mesmo xeito que o vigués Nico Rodríguez, que tamén recibiu unha mención especial esta noite.
Ademais dos premiados nas diferentes categorías de vela lixeira -Optimist, 420, ILCA, Vaurien, Snipe, Windsurf e Kitesurf-, Radio Control, J80, J70 e 6 Metros, a Gala da Vela Galega recoñeceu este ano ao Club Náutico Arousa Norte como campión da Copa Galicia de Cruceiros, o Plan Corresponsables da Xunta de Galicia como mellor proxecto de promoción da vela, o Monte Real Club de Yates como primeiro club do baremo e o Mundial de J80 do Monte Real e o Europeo Xuvenil de Snipe de Mariña Coruña como mellores eventos da tempada.
O encargado de pechar unha gala que estivo amenizada por tres actuacións do Grupo Giros da Escola Municipal de Baile foi o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña. “Foi unha honra para nós que a Real Federación Galega de Vela escollese Baiona para celebrar esta gala. O deporte da vela é un dos máis importantes que temos, e en parte é porque temos as mellores instalacións grazas ás nosas rías. Grazas a todos e todas os que nos acompañastes hoxe, á Real Federación, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e resto de autoridades”, declarou.
Foi Vázquez Almuiña quen, ademais, recolleu o último premio da noite, outorgado ao Concello de Baiona pola súa dedicación aos deportes do mar e como promotor desta Gala da Vela Galega. A velada finalizou cun cóctel no Multiusos-Mercado de Sabarís de Baiona.






