Sin categoría

O Monte Real desprega as velas dunha nova tempada coa Liga de Inverno Baitra J80

O Monte Real Club de Yates desprega esta fin de semana as velas dunha nova tempada deportiva coa Liga de Inverno Baitra J80, que se celebrará en cinco xornadas ata o próximo mes de abril.

A primeira fase está programada para este sábado a partir das tres da tarde no interior da baía de Baiona, onde está previsto que se disputen todas as mangas, que serán percorridos do tipo barlovento sotavento, aos que esta frota está moi habituada.

As máis de vinte tripulacións inscritas para participar no campionato navegarán en frota, puntuarán en tempo real e terán xuízo directo na auga. Mediranse en tres probas por xornada, salvo que o comité de regata, que terá a Carlos Villar á fronte, decida aumentalas para cumprir co programa previsto.

O tempo límite para que o primeiro barco complete cada unha das probas será de 75 minutos, e o resto terá 10 minutos máis para cruzar a liña de chegada detrás do primeiro. Outra das características da competición é que a partir da sexta proba os equipos poderán descartar o seu peor resultado e se se chegan a celebrar once mangas, poderán aplicar un segundo descarte.

Para esta fin de semana a meteoroloxía anúnciase bastante adversa, con algo de choiva, temperaturas frescas e un vento do oeste noroeste que soprará por encima dos 17 nós, con refachos que poderían chegar ata os 28 por momentos. Un panorama que obrigará a esforzarse ao máximo na auga a unha frota que leva algúns meses sen competir.

Na última edición da Liga de Inverno do Monte Real, o título de campión levoullo o Kotablue Fibra Coruña 14/18, liderado polo campión de Finn Miguel Fernández Vasco e tripulado por xuvenís do Real Club Náutico da Coruña. A prata foi para o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro e o bronce para o Solventis liderado por Malalo Bermúdez.