Sin categoría

Baiona conmemora o 25 aniversario da morte de Gonzalo Torrente Ballester

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona, dirixida por Policarpo Vilar Misa, organiza un acto para conmemorar o 25 aniversario da morte de D. Gonzalo Torrente Ballester. O Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal de Baiona Sancti Spiritus acollerá o vindeiro venres 2 de febreiro ás 20:00 horas “O Faladoiro de Baiona no 25 Aniversario de Torrente Ballester”.

Desde “La Romana”, a súa residencia de vacacións na Ramallosa, foi entrevistado polo xornalista Víctor Iglesias Viqueira. Este primeiro encontro, no verán de 1980, prendeu unha faísca de complicidade entre ambos e marcará o inicio dunha amizade que se fraguará entre cafés, cervexa, petiscos de tortilla e olivas, na primeira planta da cafetería Monterrey, en Baiona. Alí empezaron a atoparse case a diario inaugurando un faladoiro informal ao que progresivamente e durante anos fóronse sumando outras persoas, como o escritor Carlos Casares ou o tamén pintor Manuel Prego Oliver.

Nesta ocasión, a Concellería de Cultura conseguiu reunir para a efeméride ao xornalista Víctor Iglesias Viqueira; a Gustavo Garrido en representación da Fundación Carlos Casares; e a Antonio Jesús Gil, Profesor Titular de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago; para revivir aquel faladoiro do Monterrey, como homenaxe a D. Gonzalo Torrente Ballester.