Sin categoría

O persoal laboral de 6 meses de loita contra incendios forestais da Xunta pasará a traballar 9 meses ao ano

A Xunta ampliará os contratos do persoal laboral do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF) que actualmente traballa ao longo de 6 meses ata os 9 meses ao ano. Así o decidiu o Consello do Goberno galego. A medida farase de forma gradual, pero xa a partir deste ano. Así, xa no 2024 os traballadores que teñen contrato de 6 meses pasarán a traballar 7 mensualidades. Nos vindeiros anos irase incrementando ese tempo, a razón de 1 mes cada ano, ata completar os 9 meses no 2026.

A medida beneficia a case un milleiro de traballadores e vén reforzar a aposta da Xunta por un servizo contra incendios profesional, público e versátil. Deste xeito, a decisión terá unha repercusión moi positiva na estabilización destes postos de traballo e na protección do noso medio rural, seguindo na liña do que vén facendo a Xunta co obxecto de mellorar as súas condicións de traballo e o servizo que prestan.

Este proceso vén completar o desenvolvido nos últimos anos para incrementar progresivamente o período de actuación dos traballadores dun dispositivo formado por máis de 3.000 persoas, das cales actualmente xa dous terzos traballan todo o ano. Unha vez completado este novo proceso de estabilización, todos os integrantes do servizo traballarán, como mínimo, ao longo de 9 meses ao ano.

No eido da formación do persoal, cómpre mencionar tamén a posta en marcha do Centro integral para a loita contra o lume de Toén, en Ourense, ao tempo que se vén traballando na renovación do parque móbil deste servizo, así como no pulo aos medios aéreos, ampliando e mellorando o seu despregamento.