Sin categoría

Os premios de arquitectura Gran de Area 2023 entregaranse no mosteiro de Celanova

As Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrarán o vindeiro 20 de xaneiro o acto de entrega dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2023 na vila de Celanova. O evento de entrega de premios celebrarase no mosteiro de San Salvador de Celanova ás 19:30 horas, no refectorio do templo, evento organizado en colaboración co Concello de Celanova e patrocinado por diferentes empresas do sector da construción -Maderas Rubén Galicia, Estudio Nicolao, Thermochip, Eclisse Iberia e Espacio&Habit-.

Previamente ao acto, farase unha visita guiada ao mosteiro para os premiados e colexiados do COAG. Comezará ás 18:00 horas cunha visita ao interior do mosteiro -fundado no século X e declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931-, e as súas xoias, o espectacular órgano e a capela Mozárabe de San Miguel -declarada Monumento Nacional en 1923-.

Estas distincións, que foron falladas no mes de novembro, son un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”. Premiáronse 13 obras (7 situadas na área de Vigo, 3 na área de Pontevedra e 3 na área de Ourense).

Entre os proxectos premiados está a rehabilitación e posta en valor do antigo matadoiro en Gondomar, dos arquitectos Santos Vila González e Rosa Mouriño Pérez. Prémiase a actuación sobre un edifico industrial en desuso que se rehabilita como espazo dotacional polivalente de uso público, revitalizando unha contorna degradada da vila de Gondomar, logrando un fantástico resultado, exemplo de obra pública e recuperación patrimonial de baixo presuposto.

Presentáronse 71 proxectos que amosan o gran traballo dos arquitectos, promotores e do resto de axentes que interveñen no proceso construtivo

Este ano presentáronse 71 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e demais axentes participantes. Trátase de obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos a escala de cidade.

O xurado do concurso estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra e Ourense, Anselmo Villanueva e Emma Noriega; a tesoureira da Delegación de Vigo en substitución do seu presidente, Sonia Alvarado; Alexandra Estefanía Vázquez, colexiada seleccionada entre os premiados dos Premios Gran de Area da edición anterior, consensuado polas tres delegacións; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva: Lucía Araujo por Pontevedra, Iago Fernández por Ourense, e Joana Covelo por Vigo; e o secretario da Delegación de Ourense, Antonio Piñeiro, que actuou como secretario do xurado. Segundo a súa valoración, nesta edición os proxectos destacaron en aspectos fundamentais como a recuperación da contorna, o uso de prácticas sostibles e a rehabilitación fronte á obra nova. “Son proxectos que buscan mellorar a calidade de vida, ter un menor impacto ambiental e poñer en valor a contribución de promotores e do resto de axentes que interveñen para facelos posible”, manifestou o xurado.

Os premios Gran de Area naceron en Vigo no ano 2001 co obxecto de poñer en valor e contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, e para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posible, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina. Dada a expectación que xeraron, o certame ampliouse ás delegacións de Pontevedra e Ourense.