Sin categoría

Nigrán abre o prazo de inscrición para os cursos de “Envellecemento Activo” e “Axilizar a Memoria”

O Concello de Nigrán abre do 16 ao 17 de xaneiro o prazo de inscrición para os tres cursos do programa “Envellecemento Activo” no Centro Social da Ramallosa: Informática Básica (martes ou xoves en horarios de mañá, 40 prazas), “Obradoiros de Memoria” para previr o envellecemento cerebral (martes ou xoves en horarios de tarde, 60 prazas) e “Vivilo Corpo”, dirixido a potenciar as capacidades motoras a través de exercicios de movemento e coordinación (martes e xoves en horario de mañá, 30 prazas). Adicionalmente, o Concello abrirá o 18 e 19 de xaneiro o prazo de inscrición para o curso de “Axilizar a Memoria” no Centro Social de Vilameán con 48 prazas (8 máis que o ano pasado, cando se estreou nesta localización).

En total, o Concello ofrece 178 prazas. En todos os casos están dirixidos a maiores de 65 anos e/ou xubilados empadroados no municipio, tendo prioridade os que nunca os cursaran (en caso de solicitar varios, débese indicar a orde de preferencia para baremar). Os interesados deben inscribirse na planta baixa do Concello (Información Cidadá) de 10:00 a 13:00 horas nos días indicados. As prazas se cubrirán por rigorosa orde de solicitude tendo en conta os criterios sinalados. O custe de cada un é 20€ en total agás informática que é gratis e está impartido polo profesor xubilado Antonio Lago. Os cursos comezan a partir do 6 de febreiro e se estenderán ata o 19 de decembro de 2024 con descanso estival.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles se basea este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores dirixida pola edil María Mayán.

O carácter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.