Eusebio Pascual cambia Barhein polo Vigo-Rías Baixas

A primeira fichaxe do Vigo-Rías Baixas para o seu novo proxecto está chamado a ser unha das grandes referencias da estrutura presidida por José Luis Chamorro na tempada 2024. Eusebio Pascual regresa ao ciclismo español despois de catro anos no Bahrain Cycling Academy, o conxunto Continental vinculado a unha das formacións máis poderosas do World Tour. O escalador alacantino posúe un palmarés repleto de éxitos na categoría Elite/Sub-23.

Antes de dar o salto ao pelotón profesional, o ciclista de Cocentaina impúxose coas cores do Mutua Levante na xeral de roldas por etapas como a Volta a Zamora, a Salamanca, a Tenerife e a Segovia. Tamén subiu ao máis alto do podio en probas dun día como a Aiztondo Klasika, carreira da Copa de España, e no certame estatal máis prestixioso da categoría adxudicouse a clasificación da Montaña en 2017.

O seu rendemento abriulle as portas do Caja Rural en 2019, competindo ata o mes de agosto coa súa filial e na última parte do curso alternando co equipo profesional. Tras esa experiencia como stagiaire, aceptou a proposta chegada desde Oriente Medio e enrolouse nas filas do Bahrain Cycling Academy.

Durante as catro campañas que pertenceu a este conxunto de desenvolvemento, Eusebio Pascual participou en carreiras profesionais tanto en Asia como en Europa. O seu mellor resultado asinouno en 2022 nos Emiratos Árabes Unidos, terminando segundo na xeral do Circuíto de Sharjah. Outra brillante actuación callouna o pasado mes de setembro en Omán, onde asinou a quinta praza no Circuíto de Salalah.

“Teño moitas ganas de competir”

Cerrada a súa etapa en Barhein, este especialista na alta montaña decidiu aceptar a proposta do Vigo-Rías Baixas porque “é un dos mellores equipos de España. Teño moitas ganas de competir e de desfrutar. Con eles vou ter un bo calendario, que é o que necesito e quero”. Aos seus 28 anos, o novo pupilo de Jesús Blanco Villar márcase como principal obxectivo “estar ao 100% para conseguir os resultados que se esperan de min”.