O Chuvi investiga a eficacia do tratamento con litio en pacientes con Covid-19

O Chuvi e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur están a investigar a eficacia do tratamento con litio en pacientes con Covid-19. Polo de agora, levan estudando e testando a 10 pacientes moi graves infectados polo SARS-CoV2 e con patoloxía psiquiátrica, e os resultados son moi positivos e esperanzadores.

Estas conclusións preliminares motivaron a activación dun proxecto de ensaio clínico máis amplo e definitivo que inclúa ao resto de pacientes infectados polo virus, non solo aos que presentan algunha patoloxía psiquiátrica.

Así, desde o comezo da emerxencia sanitaria o Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, CIBERSAM, estivo a traballar nunha nova terapia para a COVID19. Segundo explica o xefe do Servizo de Psiquiatría do Área Sanitaria de Vigo e director da área de Neurociencias do IIS-Galicia Sur, José Manuel Olivares, “o tratamento, baseado na administración de carbonato de litio de xeito rigorosamente controlado polo equipo médico, comezou a levarse a cabo en pacientes moi graves con sintomatoloxía psiquiátrica susceptible de ser tratada con litio, presentando unha melloría moi rápida, non só da devandita sintomatoloxía, senón do cadro clínico provocado polo virus”.

Ensaio clínico

“Sen embargo, os resultados obtidos aínda non son xeneralizables, dado que este estudo efectuouse cun reducido número de pacientes e cunhas características moi concretas, polo que non podemos confirmar de modo taxativo cal é a verdadeira eficacia do litio mentres non realicemos un ensaio clínico controlado, xunto cuns determinados datos de laboratorio que nos indiquen a capacidade real do litio no tratamento dos efectos que causa o virus no organismo”-explica Olivares.

Nestes momentos estase á espera da autorización da Axencia Española do Medicamento para levar a cabo un ensaio clínico con máis pacientes e así propoñer este tratamento como un dos preferentes en casos de COVID19.

Propiedades do litio

O litio é un tratamento que se emprega desde hai 70 anos en distintos síntomas e cadros mentais, como o trastorno bipolar, depresión resistente, determinados cadros de irritabilidade e axitación, etcétera.

Desde hai tempo coñécese que ten a capacidade de inhibir a replicación de varios tipos de virus, algúns deles similares ao do SARS-CoV-2. Isto demostrouse en varios estudos realizados con virus como o VIH, o herpes ou máis recentemente co SARS-CoV1 (o antecesor do actual coronavirus).

Outras das súas propiedades é a súa capacidade para aumentar a resposta inmunolóxica, incrementando os niveis de linfocitos; así como a de previr e diminuír a actividade inflamatoria, que é a causante principal dos problemas nos pacientes máis graves, levándoos mesmo á morte.

Fases do estudo

Carlos Spuch, Investigador Sénior del IISGS explica a metodoloxía deste estudo, “o primeiro paso para testar a hipótese da eficacia do litio como tratamento en pacientes Covid-19 foi comprobar que na Área Sanitaria de Vigo non houbese ningún paciente infectado polo virus que estivese seguindo un tratamento habitual de carbonato de litio para aliviar os seus síntomas psiquiátricos. Sen embargo, isto non se pode tomar de ningunha maneira como unha evidencia de que o litio impide contaxiarse do virus. Temos que ampliar a poboación de estudo”.

O seguinte paso foi estudar o efecto do litio nun número pequeno de pacientes COVID19 positivos ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro e que seguían o tratamento habitual con antirretrovirais (hidroxicloroquina e kaletra). Nalgúns destes enfermos aparecen diversas afeccións psiquiátricas, como irritabilidade, alteracións do estado de ánimo, agresividade ou estados maníacos que requiren tamén da intervención dos especialistas de Psiquiatría. Nestes casos, o litio era a prescrición psiquiátrica adecuada, polo que engadíase ao tratamento antirretroviral. Estes pacientes foron os escollidos para o tratamento e seguimento desta investigación.

“Observamos como tras a primeira administración de litio, reducíronse significativamente os parámetros inflamatorios, e potenciouse a actividade do sistema inmune aumentando o nivel de linfocitos, como predicía a hipótese xerada a través dos datos dispoñibles da literatura científica. O resultado final é que estes pacientes, que estaban moi graves, conseguiron recuperarse da COVID19” -asegura José Manuel Olivares.

“Os resultados obtidos nestes pacientes foron enviados para a súa publicación a unha revista internacional a finais de abril, e están en fase de revisión; confiamos se publiquen en breve”.

Tras estes resultados deseñouse un proxecto en colaboración co Servizo de Medicina Interna, e en asociación co Grupo Catalán do Instituto de Investigacións Biomédicas August Pi i Sunyer, para o que se solicitou financiamento ao Instituto de Saúde Carlos III e ao Fondo Supera Covid-19, e que está pendente de aprobación pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos sanitarios (AEMPS).