O Concello de Gondomar presentará o sábado 13 de xaneiro a quinta edición do seu Calendario de Igualdade, que tal e como sucedeu no ano 2023, estará dedicado a doce mulleres, que pola súa traxectoria vital son, ou foron, figuras destacadas na vila e nas súas respectivas parroquias.
O acto de presentación terá lugar no Auditorio Municipal Lois Tobío a partir das 18:00 horas, e será nese momento no que se coñecerán ás 12 protagonistas da edición de 2024, dun calendario que chega xa á súa quinta edición consecutiva.
A gala, que estará conducida pola periodista Paula Montes, contará con actuacións musicais, e cun repaso á traxectoria das doce mulleres gondomareñas protagonistas de cada un dos meses deste almanaque.
O alcalde Paco Ferreira sinalou que “este calendario é a nosa forma de brindar un recoñecemento a 12 mulleres que desde distintos ámbitos, destacan por ter contribuído a facer unha sociedade mellor, e con este acto queremos poñer en valor a labor, moitas veces escura e silenciada, de tantas mulleres que co seu esforzo e traballo contribuíron a construír o que hoxe é Gondomar”.

