Dúas persoas feridas, unha delas trasladada, ao precipitarse o vehículo no que viaxaban desde a muralla da Fortaleza de Monte Real, moi preto do Parador de Baiona. Os membros do GES de Val Miñor nada máis chegar ao punto, tras ser informados polo 112 Galicia, descartaron o uso do material de excarceración, posto que, as persoas estaban fóra do turismo.
Unha traballadora do complexo hoteleiro, varios particulares e mesmo o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, contactaban dez minutos despois das catro desta tarde co 112 Galicia para solicitar axuda. Un coche caera da muralla do Parador, na rúa do Arquitecto Jesús Valverde, á altura do número 3. Os alertadores descoñecían os detalles do accidente. Segundo os seus relatos, un dos ocupantes estaba fóra do vehículo, pero cabía a posibilidade de que outra persoa puidese estar atrapada no interior do turismo.
Así, con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xa tiñan constancia, dos Bombeiros de Baixo Miño e de Vigo, do GES de Val Miñor, da Garda Civil e da Policía Local.
Finalmente, tras chegar ao lugar, os membros do GES confirmaron que non era necesario excarcerar, posto que as dúas persoas que viaxaban no vehículo puideran saír polos seus propios medios, iso si, os servizos sanitarios, atenderon ás dúas persoas no mesmo lugar dos feitos e tan só unha delas precisou ser trasladada.
En xaneiro de 2020 ocorreu un suceso similar, dúas persoas resultaban tamén feridas despois de que o seu Porche Cayenne caese desde a muralla.

