A Área Sanitaria de Vigo e as asociacións de pacientes consolidan a súa cooperación

“O novo Decreto que regula as Áreas Sanitarias e os Distritos Sanitarios do Sistema Público de Saúde de Galicia outorga protagonismo á participación cidadá e consolida o papel das Asociacións de Pacientes». Así o manifestou o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio Garcia Comesaña, na xuntanza mantida co Consello Asesor de Pacientes no hospital Alvaro Cunqueiro.

Nesta xuntanza, o xerente presentoulle este Decreto e as liñas estratéxicas da área sanitaria de Vigo. Trátase dunha nova organización funcional coordinada entre a asistencia primaria e a hospitalaria. Así, cada unha das áreas sanitarias contará cunha Dirección de Atención Primaria propia, co fin de visualizar, poñer en valor e potenciar este primeiro nivel asistencial. Estará diferenciada da Dirección de Atención Hospitalaria, pero sen perder a integración entre ambas e garantindo a continuidade asistencial, situándose as dúas ao mesmo nivel.

Neste novo marco normativo destaca tamén a relevancia das asociacións. «Na área de Vigo o papel das asociacións de pacientes foi fundamental no proceso de elaboración do Plan Estratéxico XXI. E nesa liña temos que continuar, colaborando e traballando xuntos».

O Consello Asesor de Pacientes de Vigo, constituído por medio centenar de Asociacións de pacientes da área, foi creado no ano 2016 -sendo o primeiro de Galicia e un dos poucos de España- co obxectivo de establecer as canles de comunicación necesarias para que a opinión dos pacientes sexa escoitada, así como os mecanismos de cooperación para mellorar a saúde e benestar da poboación.
Plataforma E-Saúde

No transcurso deste encontro, tamén impartiuse unha sesión informativa sobre a Plataforma E-saúde. Así, varios profesionais explicaron as vantaxes deste aplicación informática e xa realizaron os trámites de alta na plataforma a aqueles pacientes interesados. Ademais, o xerente ofreceulles a posibilidade de desprazar un equipo de profesionais ás sedes das Asociacións para impartir formación e darlles de alta “in situ”.

Esta aplicación informática permite ao paciente acceder e xestionar as súas citas de consulta, tanto no centro de sáude como no hospital, recordar o seu tratamento ou a súa quenda en probas diagnósticas. E todo iso facelo de forma sinxela a través do seu teléfono móbil, tablet ou ordenador.

“A Plataforma É-Saúde é unha ferramenta tecnolóxica de servizos que posibilita que o paciente poida acceder dende calquera dispositivo electrónico a servizos e contidos personalizados, e, deste xeito, consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, informes de alta, probas radiolóxicas ou analíticas, entre outras prestacións”, explicou Julio García Comesaña.
É-Saúde permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica, ou facer as actividades de promoción da saúde que houbera programado.

Así mesmo, poderá consultar servizos, participar nas comunidades entre o seu médico e o seu enfermeiro e coas asociacións de pacientes que lle permitan contactar con outros pacientes cos que comparta dúbidas, recomendacións de hábitos de vida. E todo iso, coa garantía que ofrece o feito de que toda a información estea albergada no servidor do Servizo Galego de Saúde, coa conseguinte seguridade xurídica e tecnolóxica que iso supón.