Sin categoría

O gondomareño David Quinteiro mostra no vello cárcere de Lugo as súas “Olladas paralelas”

Amosar as cousas tal como se ven, como se presentan, ante a luz e a sombra, coas súas cores, afondando na beleza propia do individuo, de forma sincera. Así capta o pintor gondomareño David Quinteiro a realidade en “Olladas paralelas”, a nova exposición temporal que se sitúa no bloque de mulleres do Centro Sociocultural O Vello Cárcere de Lugo. O autor cabila que a verdade é relativa, pero non así a sinceridade, pois grazas a ela é posible comunicarse dun modo máis construtivo, considerando que é a que dá paso á liberdade do ser. Na mostra, que permanecerá ata o 15 de febreiro de 2024, poderán ollarse dúas facetas diferenciadas da traxectoria do artista; retratos de persoas do ámbito cultural e variados oficios, e unha mirada diferente arredor da globalización imposta.

Nas paredes da remozada Cárcere de Lugo, concretamente nas celas de mulleres, pódense ollar cadros a través da mirada e dos pinceis de David Quinteiro, retratos de personaxes e os seus respectivos oficios, ben sexan os veciños rosaleiros, muiñeiro de O Folón, Nemesio Castro ou cabaqueiro, O Buraco, así como o catedrático emérito de Literatura Galega, Xesús Alonso Montero e mesmo a artista e fotógrafa, Mary Quintero, entre outros destacados, homes e mulleres, captados algúns nos faladoiros do café vigués Nuevo Derby, rexentado por Eusebio Prado, adegueiro igualmente que non pasa desapercibido na exposición do pintor con estudio nas faldras da Serra de A Groba, na franxa atlántica do Val Miñor.

David Quinteiro, formado en Belas Artes na Facultade de Pontevedra, continuará a ruta expositiva por diversos concellos do país veciño e mesmo Madrid, así como a participación no proxecto plástico colectivo polo Camiño Portugués, desde Lisboa ata Santiago de Compostela, para dar a coñecer a través da pintura, os Muíños de O Picón e O Folón, situados nos montes de O Rosal. O artista de Gondomar, foi convidado igualmente por “Papeiros e Rabudos” de Belesar, para realizar o Cartel da Festa do Viño e da Cereixa, do 2024, celebración, nos primeiros meses do ano, na altura que as “perlas vermellas” que bautizara Diz, estean a punto de recoller, neste marco da Ribeira Sacra, paisaxe igualmente nun cadro pendurado nunha cela das mulleres da antiga cadea de Lugo.