Sin categoría

Nigrán clausura os cursos de envellecemento activo

O Concello de Nigrán pechou os cursos de envellecemento activo correspondentes ao ano 2023 e nos que participaron a cifra récord de 170 persoas maiores de 65 anos. Estes impartíronse no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa e por vez primeira no Local Social de Vilameán. O Concello ofreceu “Vivilo Corpo” (30 prazas), Informática (40), e dous de Memoria (100). A convocatoria do ano 2024 abrirá a mediados de xaneiro, informando o Concello convenientemente con antelación suficiente.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles se basea este programa de obradoiros de envellecemento activo que ofrece o Concello de Nigrán.

O carácter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzhéimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.