O PP de Nigrán presenta alegacións contra a subida do IBI e as modificacións de crédito

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, informa da presentación de alegacións contra a subida do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e as últimas modificacións de crédito realizadas polo goberno municipal de Nigrán. Para os populares, ambas as dúas medidas, anunciadas polo alcalde Juan González, “supoñen un agravio para todos os veciños e veciñas do municipio, así como un incumprimento flagrante do propio programa electoral co que o señor alcalde presentouse ás últimas eleccións municipais”.

A anunciada subida do IBI, ata o 0,6%, supón un incremento do 20% sobre a contía impositiva existente, “a cal repercutirá dunha maneira importante sobre todos os propietarios do municipio, os cales poderían ver incrementada a súa factura nuns 200 euros anuais”. Esta medida, lembra Pino, foi tomada nun pleno extraordinario convocado de maneira apresurada e obviando a convocatoria da Comisión Informativa de Facenda. “Para máis inri, o pasado 29 de novembro publícase o decreto administrativo de modificación de crédito 14/2023, aprobado unilateralmente pola corporación socialista no pasado pleno municipal do 28 de novembro”.

Esta modificación, a cal ascende a un total de 590.000€ financiados cos remanentes de tesourería, busca, segundo o alcalde Juan González, atender a diversos gastos para os cales non dispoñen de saldo suficiente nos orzamentos. Desde o grupo municipal popular denúncianse varios aspectos da medida:

  • O decreto carece de memoria suficiente e motivación que xustifique a necesidade de levar a cabo o gasto no presente exercicio.
  • Ademais do remanente existente, destinarase aos citados gastos a cantidade de 287.646,32€ asignados para executar as obras de “Instalacións deportivas Campo Fútbol 7 Camos”. Pino lembra que esta actuación foi anunciada durante a campaña electoral das últimas eleccións municipais.
  • O interventor municipal volveu mostrar reparos no informe correspondente á medida, indicando que non consta documentalmente que os gastos non poidan demorarse ao ano 2024.

Por todo o exposto, desde o Partido Popular de Nigrán esíxese a anulación das medidas, tanto a subida do Imposto de Bens Inmobles (IBI) como a modificación de crédito 14/2023.