Sin categoría

Trío de Premios Literarios en Nigrán

Este xoves 14 de decembro a Biblioteca de Nigrán acolle a presentación das novas creacións literarias de Fran Fernández, o escritor miñorán que colleitou os recoñecementos dos Premios Repsol e Fundación Vicente Risco este pasado mes de novembro. Figuras destacadas no mundo da literatura compartirán as súas impresións sobre “Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas”, unha das dúas novelas galardoadas do enxeñeiro nigranés. Fran Fernández vén de acadar un logro notable na esfera literaria, ao premio de Novela Repsol e o premio da Fundación Vicente Risco, únese o de poesía Rosalía de Castro coa obra “koиpostєla”.

A presentación terá lugar ás 20:00 horas na planta baixa da Biblioteca Municipal e o acto está aberto ao público até completar o aforo. Esta é unha oportunidade única para dialogar co escritor miñorán máis distinguido, en compañía do escritor, editor e crítico literario César Lorenzo, gañador do último premio de novela Torrente Ballester, e o historiador e alcalde de Nigrán, Juan González. Será sen dúbida un evento literario destacado nestas datas de Nadal.

“Primavera”, publicada pola editorial Dr. Alveiros, é unha novela chea de lírica que comeza cunha limpadora de hotel entrando nun cuarto baleiro. Alí principiará unha atípica relación co seu misterioso hóspede, que acabará por cambiarlle a vida. Segundo o xurado do premio “A obra amosa unha gran sensibilidade tanto no relativo á situación social que reflicte coma cara á literatura como elemento curativo”.

Tamén se asinarán exemplares de “Groenlandia”, unha novela de viaxes, amor e aventuras ambientada nas illas dos Azores e publicada pola Editorial Galaxia, que vén de recibir o prestixioso Premio Repsol de Narrativa Breve. Segundo o xurado deste premio, a novela constitúe “un mosaico literario de perfecto encaixe que combina o humor con elementos de novela policial”.

Ambas novelas estarán dispoñibles ao público no stand montado para a ocasión pola libraría Paraísos de Papel de Nigrán. Quen se decida a levar as dúas para a casa recibirá un agasallo do autor.