O Concello de Baiona, a través da Concellería de Política Social, organiza un acto con motivo do Día Internacional Europeo das Persoas con Discapacidade para apoiar na vila con esta xornada de concienciación social, que ten como obxectivo avanzar na integración plena deste colectivo e seguir construíndo un municipio onde ninguén quede á marxe.
O acto está organizado en colaboración coa Asociación Avelaíña. Co lema “Baixo o mesmo paraugas”, o Concello e a Asociación animan a toda a cidadanía a asistir á actividade, que terá lugar este xoves 30 de novembro ás 11:30 horas na Praza do Concello de Baiona cun paraugas para visibilizar unha sociedade diversa e plural, pero con desexos e ilusións por igual.

