Sin categoría

Besteiro reivindica en Porto do Molle o traballo dos socialistas galegos á fronte da Zona Franca

O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este venres as 46 empresas e máis de 4.500 postos de traballo impulsados dende a Zona Franca de Vigo nos últimos 5 anos de goberno socialista. Besteiro visitou o Polígono de Porto do Molle xunto co alcalde de Nigrán, Juan González, e o ex delegado da Zona Franca e deputado no Congreso David Regades. Besteiro puxo Porto do Molle como exemplo da “política que se fai dende a suma, dende o esforzo, dende a coordinación e non dende a confrontación á que nos ten habituado Rueda”. Salientou a puxanza deste Polígono, que actualmente dá acubillo a 150 empresas e 3.500 postos de traballo.

Dixo que “esta é a política intelixente, a que reclamo en tódolos campos da administración, cando non se confronta senón que se suma, nos coordinamos e empuxamos todos na mesma dirección”. Besteiro dixo que o Polígono é a consecuencia da colaboración entre o goberno central a través da Zona Franca e o Concello de Nigrán, que supoñen “un antes e un despois nos últimos anos nas inversións públicas do sur da provincia”, e que demostra que “o que a Xunta non fai o temos que facer os socialistas”.

David Regades

O deputado no Congreso e secretario provincial do PSdeG, David Regades, sinalou que Porto do Molle evidencia o resultado do esforzo do Estado por cubrir o déficit na aposta polo sector industrial por parte da Xunta. Dixo que logo das próximas eleccións autonómicas será Besteiro como presidente da Xunta quen permita darlle “o impulso definitivo” a esta área en coordinación co Estado e os concellos da zona. O alcalde de Nigrán, Juan González, salientou a importancia do Polígono para a localidade e para as empresas que ocupan un millón de metros cadrados centradas no I+D, ou a alta tecnoloxía, ademais dun gran parque comercial que dá servizo á localidade e toda a zona do Sur de Vigo.