Nigrán ultima a rehabilitación do parking da Ramallosa para abrilo ao público na campaña de Nadal

O Concello de Nigrán ultima as obras para reabrir o parking de A Ramallosa no inicio da campaña do Nadal e poder fornecer así de 357 prazas de estacionamento á zona despois de 5 anos pechado. Deste xeito, o goberno local asumirá a súa xestión directa tras conseguir remunicipalizar unha infraestrutura que pertencía á concesionaria Estacionamientos Valle Miñor, S.L., empresa liquidada e disolta no 2019.

A posta a punto do parking supón para o Concello un investimento de máis de 90.000 € nos traballos actuais destinados a certificar a instalación eléctrica e de seguridade, repoñer a maquinaria, axustar a protección contra incendios, instalar dúas bombas de achique para evitar inundacións na última planta e a propia limpeza de toda a superficie. Igualmente, o Concello negociou coas distintas partes implicadas e non ten que asumir ningunha débeda ou indemnización á empresa concesionaria.

Paralelamente, tras realizar toda esta tramitación de cara a súa remunicipalización e contratar as obras pertinentes, o goberno local aprobará na vindeira semana uns prezos públicos que abranguen as 4 primeiras horas gratis (estes usuarios nin sequera terán que validar o tíquet) e a partir de aí 0,02 €/minuto ata un máximo diario de 14,40 € . A apertura prevista é de luns a sábados de 7:00 a 23:00 horas. A maiores, o goberno local contempla liberar prazas para os comerciantes deste núcleo urbano.

“O beneficio para o comercio local da Ramallosa e para os usuarios da piscina mancomunada situada ao seu carón é incalculable. Ter un aparcamento gratis suporá un cambio radical para A Ramallosa”, refire o alcalde, Juan González. Deste xeito, o goberno local non considerou en ningún momento outra opción que a xestión pública para que de verdade a súa apertura beneficie económica e socialmente a todo este núcleo. “Unha concesionaria loxicamente busca facer negocio porque é unha empresa, en cambio, desde o Concello o que buscamos é un beneficio social, non o lucro: aparcamento gratuíto para toda aquela persoa que veña a Ramallosa”, engade o rexedor.

O parking, aberto no 2007 coa concesión a 39 anos para Estacionamientos Valle Miñor, S.L., foi pechado pola empresa o 1 de xaneiro de 2017, sendo liquidada a adxudicataria xudicialmente a mediados de 2019. A tramitación de cara a súa re-municipalización, moi complexa, foi asumida directamente polo edil de Mobilidade Diego García, quen está á fronte da actualización de todo o recinto para que cumpra con todos os requirimentos precisos de seguridade.

Este aparcamento súmase ao leira-parking municipal do núcleo urbano de Nigrán, tamén 100% público e gratuíto e polo que o Concello paga un aluguer de 6.137 € ao ano, e a outra leira no Bulevar de Praia América de 4.000 metros cadrados cedida gratuitamente polos propietarios e con capacidade para máis de 200 coches.

“Somos conscientes do importante que son para os núcleos urbanos as bolsas de aparcamento porque repercuten directamente no pequeno comercio e na propia calidade de vida das persoas, polo que consideramos a re-apertura deste parking da Ramallosa de xeito 100% público un dos grandes logros deste goberno”, resume González.