O Álvaro Cunqueiro conmemora o Día Internacional do Prematuro baixo o lema “Por ti somos un equipo”

Baixo o lema “Por ti somos un equipo”, os profesionais da Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo conmemorou hoxe o Día Internacional do Prematuro. Con este lema faise referencia ao traballo en equipo, á atención multidisciplinar que se presta aos bebés prematuros no hospital Álvaro Cunqueiro, e que resulta necesaria para sacar a estes pequenos adiante. Así, nesta asistencia converxen, ademais dos neonatólogos e facultativos de diferentes especialidades médicas, persoal de enfermaría, logopedas, fisioterapeutas, e traballadoras sociais, entre outros.

Neste contexto, organizouse unha xornada de Portas abertas, cunha serie de actividades divulgativas e lúdicas dirixidas a antigos nenos e nenas prematuros e aos seus pais, así como aos proxenitores dos recentemente nados que neste momento están ingresados na Unidade. Unha das charlas divulgativas, titulada “Traballando polo teu desenvolvemento: coidados na UCIN”, foi impartida pola enfermeira especialista en pediatría da Unidade de Neonatoloxía, Isabel Fernández Pinilla. Ademais, o logopeda Javier Bueno ofreceu outro relatorio titulado “Acompañando a alimentación nas primeiras etapas do desenvolvemento”.

Patuco de honra

Pola súa banda, os representantes da Asociación de Nais e Pais de Prematuros AGAPREM, entregaron este ano o “Patuco de honra” á pediatra María Jesús Rodríguez, pneumóloga infantil que atende e fai o seguimento destes pequenos, para agradecerlle o seu labor e dedicación nestes anos. Posteriormente, realizouse unha vista á Unidade de Neonatoloxía que foi decorada para a ocasión. Neste programa tamén tivo protagonismo a música xa que Manuel Morales, catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo, interpretou varias pezas musicais de traverso barroco na mesma Unidade.

232 prematuros

O pasado ano naceron no Álvaro Cunqueiro 3.170 bebés, dos que 232 foron prematuros (7,3%, do total). Para lograr a súa supervivencia e adecuado desenvolvemento cerebral no Álvaro Cunqueiro desenvólvense algunhas estratexias terapéuticas como a lactancia materna ou a presencia e implicación dos proxenitores nos seus coidados durante a súa estadía hospitalaria.