
O Solventis Ribadeo converteuse esta tarde no primeiro líder da Liga de Outono Gestilar J80 tras impoñerse ao resto de tripulacións na segunda xornada da competición de monotipos que organiza o Monte Real Club de Yates co patrocinio da promotora inmobiliaria Gestilar. Tras non poder disputar a primeira xornada por mor dun temporal, os máis de vinte J80 galegos e algúns portugueses que optan ao título outonal si puideron inaugurar este sábado os marcadores da liguiña de monotipos, á que aínda quedan dúas xornadas máis por diante. Con Carlos Villar á fronte, o comité de regata puido dar saída e completar con éxito as tres probas programadas, do tipo bastón barlovento sotavento con dobre volta, o que supuxo dúas cinguidas e dúas popas en cada un dos percorridos.
Os equipos escoitaron o primeiro bocinazo de saída ás tres e cuarto e navegaron as tres probas no mesmo campo de regatas, con vento forte, do sur, duns 20 nós de media e refachos por encima dos 25, chegando a 30 nalgunha ocasión puntual. O Solventis Ribadeo foi, sen dúbida, o mellor da frota, con tres vitorias nas tres probas disputadas. Colocouse á fronte da clasificación mesmo a pesar de ser penalizado por non cumprir cun dos puntos das instrucións de regata, o que esixe aos barcos levar a publicidade do patrocinador. Con 9 puntos, o barco liderado por Roberto Bermúdez de Castro chegará á penúltima xornada á fronte da clasificación, seguido de preto polo Picacho, de Miguel Viejo, que vai segundo con 10 puntos (5-2-3). O podio provisional complétao o Grupo Puma de Javier Martínez Valente con 13 puntos (2-3-8).
E o Top 5 tras esta xornada complétano dous barcos liderados por dúas mulleres, o Cansino de Alejandra Suárez, con 14 puntos (8-4-2); e o Ferralemes de Rosario García, con 18 puntos (9-5-4). Dous fóra de liña, do Waikiki de Andrés Gómez e o Namasté de Luis de Mira, e algunhas roturas de material motivadas pola intensidade do vento foron os únicos incidentes que se produciron nunha xornada que estivo controlada, con xuízo directo desde a auga, por Juanjo Durán. A Liga de Outono Gestilar J80 volverá a Baiona o próximo día 25 coa terceira das catro xornadas programadas. Ademais desa etapa, haberá outra máis, a última e definitiva, o día 16 de decembro, cando tamén se entregarán os premios aos gañadores.