O BNG esixe actuacións urxentes da Xunta para evitar novas inundacións en Gondomar

O Bloque Nacionalista Galego esixe actuacións urxentes da Xunta de Galicia para evitar o risco de novas inundacións en Gondomar. A fronte nacionalista anuncia que vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego diante da “inacción” do Executivo do PP malia os anuncios realizados tras as graves consecuencias das enchentes o pasado ano e que este outubro volveron causar importantes danos no concello.

“É lamentable que este atraso estea provocado, como eles mesmos recoñecen, porque os Gobernos galego e local non dan acordado unha solución para canalizar o intenso tráfico que circula a diario pola rúa de Curros Enríquez, afectada polas obras no punto de confluencia dos ríos Miñor e Zamáns”, denunciou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González xunto á portavoz municipal nacionalista, Manuela Rodríguez.

Nese sentido, dende o BNG reiteraron a súa proposta de dar acceso libre e gratuíto á AG-57 como vía de uso obrigatorio para o tráfico que se dirixa cara Gondomar. “É unha irresponsabilidade o incumprimento reiterado por parte do Goberno galego do inicio das obras destinadas a reducir o risco das inundacións”, criticou a deputada do Bloque.

A iniciativa nacionalista tamén pide despexar as “dúbidas” a respecto do proxecto previsto. “Aínda que esas obras poden aliviar as inundacións no centro da vila, se non se actúa na ponte de Mañufe e río abaixo, o caudal das crecidas verase incrementado no barrio da Ponte, con máis auga en menos tempo e con máis forza”, advertiu a voceira municipal.

Rodríguez cualificou de “indignantes as escusas e as acusacións cruzadas” entre a Xunta de Galicia e o Goberno municipal de Paco Ferreira diante da “preocupación” da veciñanza afectada. “Nin uns nin outros están facendo nada para evitar que se produzan máis danos materiais e situacións de risco que poden ter aínda peores consecuencias”, alertou.