Este venres 3 de novembro, a Concellaría de Igualdade do actual goberno do Partido Popular, vén de presentar “Baiona Lila”. “Chama poderosamente a atención o cambio de nomenclatura desta importantísima actividade que se vén realizando en Baiona dende que o Bloque Nacionalista Galego tivo responsabilidade de goberno”, apuntan os nacionalistas
Para o BNG os novembros lila son fundamentais como ferramenta de apoio á concienciación social sobre a violencia machista. Actividade que precisa dun orzamento que permita seguir traballando para facer partícipes a toda a sociedade en xeral e a comunidade educativa en particular. Agardan que nos vindeiros orzamentos o PP aposte pola igualdade e que o “Baiona Lila” non sexa o primeiro paso para a desaparición do Novembro Lila.
“Foi moi curioso que en ningún momento de toda a presentación se falase da Baiona Lila e até no discurso do propio Sr. Alcalde si se falase da actividade como Novembro Lila. Un absurdo troco de nome como vaga estratexia para ocultar o grande traballo feito pola Concellería do Bloque Nacionalista Galego. Aínda así, incluso para o Sr. Vázquez Almuiña, o Novembro Lila sempre será do BNG, da ex concelleira Yasmina Moreira e de Baiona”, conclúen os nacionalistas.

