A Área Sanitaria de Vigo márcase un novo reto: “Ningún fumador sen rexistrar, ningún fumador sen consello”

Con motivo do primeiro Día Galego Sen Tabaco que se celebra hoxe e no marco do Plan Inspira Saúde, a Área Sanitaria de Vigo marcouse un novo reto na loita fronte ao tabaquismo: “Ningún fumador sen rexistrar, ningún fumador sen consello”. Baixo este lema, a Área promocionará un modelo de intervención proactivo, no que todo o persoal da saúde realice consello breve antitabáquico, en calquera contacto que teña o paciente co sistema sanitario. Ademais, vanse desenvolver accións para concienciar aos facultativos da importancia de rexistrar na historia clínica o consumo de tabaco e valorar o grao de dependencia á nicotina dos pacientes.

Os últimos informes de Avaliación da eficacia e custe/efectividade das distintas abordaxes terapéuticas para deixar de fumar, poñen de manifesto que o consello breve oportunista para deixar de fumar e o rexistro sistemático da condición de fumador na historia clínica de cada paciente deben constituír unha práctica rutineira xeneralizada entre todos os profesionais sanitarios.

Eficacia do consello breve antitabáquico

O consello breve antitabáquico ten demostrado a súa eficacia, xa que se calcula que o 3% dos fumadores deixan de fumar nos seguintes 6 meses. Este consello é unha acción oportunista, que está recomendado para a maioría das persoas fumadoras e exfumadoras que acudan a calquera consulta e por calquera motivo. A finalidade é que todo o persoal sanitario, aínda que non estea directamente relacionado co tabaquismo, e con independencia da súa categoría profesional ou especialidade realicen esta pequena acción intervencionista, xa sexan médicos, enfermeiras, dentistas, psicólogos, fisioterapeutas, etcétera. Trátase de que os profesionais realicen un par de sinxelas preguntas aos seus pacientes:

– É vostede fumador?
– Ten pensado na posibilidade de deixar de fumar?
– Nós podemos axudarlle

En definitiva, o consello debe de ser sistemático e oportunista, firme, serio, breve (3 minutos), personalizado e motivador, enfocado sobre todo aos múltiples beneficios que a persoa poderá obter ao abandonar o tabaco. Ademais, poderá ser facilitado en múltiples formatos (consello telefónico, consello individual ou en grupo). Para estender esta acción a todo o persoal vaise desenvolver un plan de formación continua en consello breve e cesación tabáquica.

Rexistro de todos os fumadores

En Galicia ao peche do ano 2021, o consumo de tabaco situábase preto do 21% na poboación con 16 e máis anos, e nas persoas de 25 a 44 superaba o 27%, sendo a porcentaxe de poboación que fuma a diario do 16% na franxa de 16 e máis anos, e chegando ao 21% no grupo de 25 a 44. O Plan Inspira Saúde, elaborado pola Consellería de Sanidade a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, ten por obxectivo reducir a prevalencia do consumo de tabaco diario na poboación adulta por baixo do 15% no 2027 e nos adolescentes por baixo do 5%.

Ademais, o Plan contempla que se melloren os rexistros de fumadores, recollendo a historia tabáquica, de xeito que todos os fumadores queden rexistrados. Para isto proponse estandarizar a información recollida na historia clínica electrónica (IANUS) incorporando aquelas variables que permitan identificar a historia de tabaquismo do paciente, como a data de inicio de consumo; número de cigarrillos que fuma ao día; intentos previos de cesación tabáquica; motivos de recaída; e preguntar se estaría disposto a realizar unha tentativa seria nas seguintes 4 semanas.