Sin categoría

O PP acusa ao goberno local de agravar as inundacións nas casas de Praia América

O grupo municipal do PP de Nigrán lamenta que toda a contorna de Praia América estea a sufrir novamente inundacións, coa conseguinte afección a varias vivendas, por mor das fortes choivas, e acusa ao goberno local de agravar este problema pola súa inacción da limpeza do río Muíños.

A voceira municipal, María José Pino, está a interesarse por esta situación e polos problemas que están a padecer moitos veciños e esta mesma mañá estivo a percorrer todas as vivendas afectadas por estes novos asolagamentos.

“O ano pasado en Nigrán vivimos unha situación terrible polas inundacións nas vivendas e estivemos a falar con membros do goberno local e con veciños por este asunto e incluso cos responsables de Augas de Galicia e a situación quedou moi clara: o tramo do río Muíños entre Nasas e Praia América é de competencia municipal, pero o goberno de Juan González non fixo absolutamente nada máis alá dun paripé de quitar catro ramas e por iso agora reprodúcense exactamente os mesmos problemas que en 2022”, explicou Pino.

A concelleira popular lembrou que, incluso, o executivo “botou balóns fóra” escudándose en que estes traballos eran competencia de Augas de Galicia e, cando quedou claro que debe acometelos o Concello, anunciando que ía pedir a axuda para elo deste organismo da Xunta, “pero non solicitaron absolutamente nada, proba da súa desidia, e tampouco fixeron a limpeza oportuna con medios propios e agora os veciños pagan as consecuencias deste desgoberno”.

Ademais, a voceira do PP apostilou que Augas de Galicia tamén lle chegou a advertir ao Concello que acometera a limpeza do río coa debida antelación e antes de que chegaran o outono e as precipitacións, “pero coma sempre non están ao que hai que estar e deixaron todo para o final cunha tarefa mínima e claramente insuficiente que xera que as vivendas volvan a estar desbordadas e coas peores perspectivas porque parece ser que aínda quedan bastantes días de choiva”.

Finalmente, María José Pino insistiu en que, ademais do acondicionamento periódico, constante e en condicións do río Muíños, sería necesario que Nigrán se dotase con dous tanques de tormenta para minimizar e corrixir os problemas das inundacións, que é unha proposta que os populares de Nigrán incluíron no seu programa electoral e que lle reclaman agora ao goberno local para que comece a xestionalos co obxectivo de poñer couto a estes reiterados asolagamentos.