Sin categoría

A Garda Civil detén a unha muller por vender drogas nas proximidades de dous colexios

O equipo EBIO da Garda Civil de Vilagarcía en colaboración coa Garda Civil de Valga e Caldas de Reis, así como coa Policía Local de Caldas, deteñen a unha veciña de Caldas como suposta autora dun delito de tráfico de drogas. A investigación iníciase entre os meses de abril a outubro do presente ano por mor de diversas queixas veciñais por trapicheos de drogas, que se estaban efectuando a escasos metros dun colexio céntrico, onde xa se desenvolveu outra operación similar hai apenas ano e medio. Tras as primeiras pescudas onde se comezou a definir a autoría dos feitos, a persoa investigada cambiou repentinamente de domicilio. Unha vez situada a nova dirección desta persoa, iníciase novamente unha fase de vixilancia na que se constata que, na nova vivenda, tamén próxima a outro centro escolar da localidade, acoden diversas persoas que realizan intercambios de substancias estupefacientes.

Á vista dos indicios obtidos, o pasado sábado e tras un seguimento efectuado á suposta autora dos feitos, coa colaboración dunha patrulla da Garda Civil do Posto de Valga dáse o alto ao vehículo e realízaselle un cacheo a esta persoa á que se lle incauta unha cantidade próxima aos 50 gramos dunha substancia que resulta ser cocaína, procedendo á súa detención. Procédese a comunicar estes feitos á Autoridade Xudicial, solicitando un mandamento xudicial para proceder a realizar unha entrada e rexistro no domicilio da detida, que foi materializado na mañá do pasado domingo 22, no cal participaron distintas especialidades do Corpo, tales como Seguridade Cidadá, Equipo de Policía Xudicial de Cambados, Servizo Cinolóxico cun can detector de drogas, e especialistas do Servizo Fiscal e Fronteiras da Compañía de Vilagarcía de Arousa.

Durante o rexistro efectuado, incáutase certa cantidade de droga disposta para a súa venda inmediata polo miúdo, unha báscula de precisión, terminais de telefonía e diñeiro en efectivo. A detida, veciña de Caldas, de 37 anos ten multitude de antecedentes policiais e penais por feitos similares. Xunto coas dilixencias instruídas, pasou ao dispor do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número Dous de Caldas de Reis, decretando a súa posta en liberdade provisoria, coa obrigación de comparecer perante o xulgado competente, cando sexa requirida para iso.