O 16 de outubro de 2021 a escritora Soledad García, a pintora Laine Villero e a deseñadora gráfica Natalia Guisande, tres nais emprendedoras, uniron forzas para dar vida ao libro “Dedas” que medrou nunha saga literaria única capturando a esencia do Val de Miñor a través de cinco libros evolutivos: “Dedas”, “Un paseo por Nigrán”, “Un paseo por Baiona”, “A walk in Baiona” e “Un paseo por Gondomar”. A celebración do seu segundo aniversario, que coincide co Día das Mulleres Escritoras e o Mes das Bibliotecas, enfócase en fomentar a lectura nas bibliotecas locais. Distribuiranse marcapáxinas do proxecto “Garatuxas do Val de Miñor” aos que visiten as bibliotecas de Nigrán, Baiona e Gondomar. O proxecto “Garatuxas” demostrou ser un éxito, atraendo a máis de 200 nenas e nenos en cada presentación grazas ao enfoque creativo e dedicación do grupo Solaina á infancia, que inclúe contacontos, obradoiros, actividades e roteiros xepeados pola escritora Soledad García.
A saga non se comercializa e está dispoñible nas bibliotecas de Nigrán, Baiona, Gondomar e Juan Compañel en Vigo. É un tributo á rica herdanza cultural e beleza natural do Val de Miñor, dende contos máxicos a través de experimentos científicos a aventuras épicas para recuperar o mosaico do muxe milenario de Panxón e visibilizar as tradicións do ramo de San Xoán, ata libros defensa da Serra da Groba chegando á Feira Internacional Börse de Berlín acompañando o safari etolóxico dos garranos. Ademais da saga, lanzaron un libro especial conmemorativo para os colexios Humberto Juanes e Cova Terreña. “Samagostín” explora as tradicións celtas do Samaín para vencer os medos que moitos cativos sofren arredor do 31 de outubro. E deron voz ás emocións vividas durante a pandemia a través de “Poemarcovida, palabras de imaxe e vida”, en homenaxe ao persoal sanitario polo seu encomiable traballo.
Dende Solaina felicitan nesta data a todas as mulleres escritoras e, en especial, ás do Val de Miñor: Marta Dacosta (premio de poesía Filomena Dato estes días), Iria Misa, Xina Vega, Elba Pedrosa, Camiño Noia, e á súa escritora, Soledad García, que ademais do traballo e premios literarios, demostrou unha sensibilidade social co seu último libro “Urco, unha historia reciclada”, unha obra altruísta coa artista Ángela Costas concienciando contra o abandono de animais.

