As mulleres emprendedoras volven ser as protagonistas na terceira edición do Foro da Muller Rural, unha iniciativa posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural coa que conmemorar o Día Internacional das Mulleres Rurais e dar voz a todas as mulleres que apostaron polo rural, traballando, vivindo, transformando e mellorando o territorio.
A bodega Quinta Couselo do Rosal será o escenario no que se darán cita as 16 protagonistas deste ano, que explicarán a súa situación liderando proxectos rurais nos 13 concellos de Eu Rural. Despois do almorzo e networking, ás 10.30 horas comezará a inauguración oficial, que dará paso ao apartado “Compartindo experiencias, visibilizando realidades”, nas que se coñecerá a historia de todas as protagonistas.
Este ano a realidade do rural estará visibilizada por Ana Álvarez, de Pescados Narcisa (A Guarda); Patricia Gómez, de Vouxers (Baiona), Teresa Covelo, da casa niño “Curuxa de Lúa” (Fornelos de Montes); Carmen Soliño, de Muebles Soliño (Mos); Judit García, do centro de equitación “Llamas de Cea” (Nigrán); a percebeira Josefa Mariño (Oia); Vanesa Casalmorto e Marisé Casalmorto, de Herboristería Dietsana (O Porriño); Ana Míguez, de “Héroes para la ciencia” (Pazos de Borbén); Merchi Alonso e Anuska Couñago, de Florería AyM (Redondela); a arquitecta María Fandiño, do Rosal; Kinga Maculewicz, de Kinga Trainer (Tomiño); e Tui.
Tras este espazo de intercambio ás 12.30 horas procederase á lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de recoñecemento á muller homenaxeada nesta terceira edición, que será do concello rosaleiro.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través dun formulario disposto na páxina web de Eu Rural, onde poderá atopar máis información sobre a xornada.

