Sin categoría

Nigrán achega 20.000 € a Avelaíña para favorecer a autonomía das persoas con problemas de saúde mental

O alcalde de Nigrán, Juan González, ratifica no Día Mundial da Saúde Mental (10 de outubro) a achega de 20.000 € por parte do Concello para que a asociación Avelaíña continúe desenvolvendo ata final de ano o proxecto “Vivindo Saúde”. O obxectivo desta iniciativa integrada no programa de goberno “Un Nigrán para todos” e que arrancou en marzo é que, a través dun “asesor persoal”, un total de 25 usuarios da comarca con trastorno mental grave gañen autonomía grazas a traballar en patróns de conducta claves para a súa vida diaria, como poden ser facer a compra, manexar cartos ou medicación ou empregar o transporte público. Paralelamente, vense tamén beneficiados os seus familiares directos, 72 en total, que ven así aliviada a súa sobrecarga de coidados.

Precisamente, o Concello de Nigrán, xunto ao de Gondomar e Baiona, acolleu este martes 10 de outubro no escenario ao aire libre da Foz do Miñor o acto conxunto con Avelaíña para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental. Ao mesmo acudiron escolares de toda a comarca e incluíu unha representación a cargo de “Donde viven los cuentos” e “Igualarte”. Adicionalmente, a Casa do Concello iluminarase de verde.

“Estamos especialmente orgullosos de financiar este tipo de proxectos porque melloran a calidade de vida das persoas que o teñen máis difícil e da súa contorna e, paralelamente, favorecen a súa integración, polo que non dubidamos en outorgar esta axuda directa cando nos presentaron o proxecto”, explicou o alcalde de Nigrán, Juan González, na sede de Avelaíña en Baiona e ante os usuarios.

Así, tras 6 meses funcionando cunha persoa contratada ex-profeso, os beneficiarios relataron ao rexedor e ás concelleiras de Educación e de Servizos Sociais aspectos básicos da súa vida cotiá que se viron directamente favorecidos con este programa. Como asuntos moi concretos que demandaban algúns deles e que acadaron superar, referiron o manexo de aplicacións móbiles como whatsapp, a consulta dos cursos que oferta o SEPE, ou dar os pasos oportunos para obter o certificado C1 de inglés (xa manexaba o idioma pero carecía de certificado).

O certo é que a maioría das persoas que padecen Trastorno Mental Grave e de longa duración teñen problemas coas actividades da vida cotiá como poden ser a hixiene persoal, autocoidados, manexo da contorna social e doméstica… Ademais, cústalles tomar decisións e resolver asuntos diarios como poden ser comprar e elaborar a súa propia comida, economía do fogar, trámites administrativos, tarefas domésticas… “Todas estas carencias tradúcense nunha pobre calidade de vida no paciente e na familia, por iso con este proxecto trátase de instaurar no seu día a día patróns básicos de conduta que lle fan gañar autonomía”, explican desde Avelaíña. “Non só é recuperar, tamén é desenvolver ou manter as habilidades de autonomía persoal e social de cada quen para avanzar na súa independencia”, recalcan.

Con este obxectivo, as actividades son teórico-prácticas, alternando coñecementos xerais e instrumentais coa práctica do aprendido. Igualmente, sempre se trata de explicar os pasos a seguir e que o fagan de xeito autónomo pero, cando non teñen as suficientes destrezas, pode incluír o acompañamento a centros sanitarios ou organismos oficiais para realizar trámites. En calquera caso, sempre se realizará todo coordinado co resto de axentes implicados en cada suxeito (psiquiatras, psicólogos, persoal médico, traballadora social, docentes…). “O balance ata agora non pode ser mellor e o noso propósito é que o programa continúe ano a ano”, resume o rexedor.

Avelaíña

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010. Tras 25 anos de andaina, na actualidade a asociación está integrada por 20 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.

Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra, hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, no Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.

Avelaíña Val Miñor conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial con 25 prazas concertadas polo Sergas e ofrece numerosos servizos como son, información e asesoramento, apoio psicolóxico, respiro familiar e actividades de rehabilitación psicosocial a persoas afectadas e as súas familias.