O Circuíto Galego de Teatro Amador chega esta fin de semana a Baiona

O Circuíto Galego de Teatro Amador 2021 da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) chega esta fin de semana a Baiona con catro representacións no Auditorio V Centenario.

O sábado 30 de outubro arrancará a programación ás 20:00 horas con A Tequerreté Teatro e a obra “Confinad@s”, que nace, en clave de hilarante comedia, das experiencias sufridas durante o confinamento. Catro amigas xúntanse por vídeochamada e deciden fuxir das compulsivas rutinas provocadas pola situación de illamento, ao estilo de Boccacio, no seu Decamerón. Deste xeito evadiranse da súa particular “Florencia” contando catro surrealistas historias.

O domingo día 31, Lohengrín Teatro ofrecerá unha sesión matinal ás 12:00 mediodía dedicada á familia con “Mouras e Nubeiros”. Numerosas historias populares de Galicia falan de espíritos sobrenaturais que habitan nos bosques, augas dos ríos e praias areosas. Segundo algunhas destas lendas, os Mouros e Mouras eran importantes espíritos que habitaban hai moitos milenios as terras galegas. No folclore galego, abundan os contos e lendas nos que interveñen os “mouros” e as “mouras”. Lohengrín Teatro traeranos de preto a representación das historias populares dos nosos antepasados asociadas coas construcións megalíticas.

Tamén o domingo, ás 20:00 horas, será a quenda de Cavort Teatro coa obra “Balbordo”, unha obra orixinal, onde, a través de catro personaxes e sete escenas, abórdanse temáticas como o amor, o desamor, a fidelidade, a falta de liberdade, o suicidio, a desesperanza, a morte ou a enfermidade dunha maneira lúdica pero co obxectivo de provocar unha reflexión no espectador.

Finalmente, o luns 1 de novembro, ás 20:00 horas, o grupo de Nigrán Teatro do Ar presentará “Un vals para Cincinnati”, mención especial nos premios Buero Vallejo de Teatro Joven. Ana leva pechada na súa habitación desde que se foi Jack hai 1 ano e 27 días. Deixouna pola guerra, e ela viuno marchar apoiada na xanela. Con el ían os seus soños de escapar ao idílico Cincinnati e casar o día de Entroido. Farta de agardar, Ana decide suicidarse xusto o día no que Jack volve.