Gondomar organiza un ciclo de obradoiros nos centros educativos polo Día Mundial da Saúde Mental

O Concello de Gondomar organiza un ciclo de charlas dentro do seu programa de “Saúde Mental na Mocidade”, que iniciouse no mes de marzo e que xa tratou temas tan importantes como os trastornos do espectro autista na adolescencia, os trastornos por déficit de atención ou os problemas derivados dos trastornos da conducta alimentaria.

Neste caso e con motivo da celebración o próximo día 10 de outubro do Día Mundial da Saúde Mental, realizaranse dous obradoiros en centros educativos, un dirixido a alumnos e alumnas de bacharelato baixo o título “Ansiedade e depresión por dentro” e outro titulado “Na corda frouxa. A vida a través dos ollos dun TDAH”, dirixido a alumnado que cursa a ESO.

Tentarase falar abertamente do benestar emocional derribando tabús, estereotipos e resistencias, que acheguen un pouco ao padecemento alleo. Darase paso á conversa para que estimule os detectores na sociedade dos berros silenciosos que envían as persoas con malestar psicolóxico.

Paco Ferreira sinalou que “os problemas de saúde mental é un dos males dos nosos tempos e afecta cada vez a idades máis temperás. Por iso é moi importante que a mocidade teña as ferramentas necesarias para identificar diferentes problemas, e así poder buscar no momento necesario a axuda oportuna”.